Verdegaia vén de asinar o manifesto "Polo pagamento da débeda climática. Un resultado xusto e efectivo de Copenhague", promovido por Third World Network (TWN). Os países desenvolvidos debemos recoñecer a nosa responsabilidade actual e histórica na crise climática global e asumir a débeda climática que temos cos países empobrecidos.

 

Polo pagamento da débeda climática

Un resultado xusto e efectivo de Copenhague

Nós, os grupos e organizacións asinantes,  incluíndo organizacións  de desenvolvemento, ambiente, xénero, e mocidade, comunidades relixiosas, pobos indíxenas e movementos para a xustiza social e económica en África, Asia, América Latina e o Caribe, Europa e América  do Norte, convocamos ao mundo rico e industrializado a recoñecer a súa responsabilidade histórica e actual polas causas e os efectos adversos da  mudanza climática, e a efectuar de xeito completo, efectivo e inmediato o pagamento da débeda climática que manteñen cos países, a xente e  as comunidades  pobres.

A mudanza climática ameaza o equilibrio da vida no planeta. O nível dos oceanos está subindo e a súas augas estanse acidificando; as capas de xeo e os glaciares estanse derretendo; os bosques, os arrecifes de coral e outros ecosistemas estanse deteriorando ou colapsando. Corre perigo a propia existencia dalgunhas comunidades, mentres outras enfrontan obstáculos cada vez maiores para o seu desenvolvemento. Estamos baixo a ameaza dunha catástrofe climática que a menos que se logre reverter, implica riscos cada vez maiores de fenómenos atmosféricos crecentemente violentos, colapso dos sistemas alimentarios, migracións masivas e conflitos humanos sen precedentes.

Os pobos, comunidades e países pobres foron quen menos contribuíron ás causas desta mudanza do clima, mais son sen embargo a súas primeiras vítimas e os máis afectados. Quen viven baixo o maior risco son as mulleres, os pobos indíxenas, os pobres, os pequenos labregos, os pescadores artesanais e as comunidades dos bosques, os pobos que contan con recursos escasos de auga, xoves e outros grupos vulnerables aos danos e impactos á saúde que xeran as alteracións climáticas.

En contraposición, é unha minoría rica de países, empresas e persoas no mundo quen son os principais causantes da mudanza climática. Os países desenvolvidos representan menos dunha quinta parte da poboación do planeta e emitiron case as tres cuartas partes de todas as emisións históricas. As emisións excesivas destes países tanto históricas como actuais, ocupan hoxe a atmosfera e son a causa principal do quecemento actual e do que xa está comprometido no futuro.

Os países desenvolvidos consumiron máis da cuota xusta que lles corresponde do espazo atmosférico do planeta. Utilizando como medida base a poboación, son responsables das emisións históricas nunha proporción 10 veces superior á dos países en desenvolvemento. As súas emisións por persoa cuadruplican hoxe as dos países en desenvolvemento.

Polo seu contributo desproporcionado ás causas e consecuencias da mudanza climática, os países desenvolvidos manteñen unha débeda climática dobre coa maioría pobre:

-Polas súas emisións excesivas históricas e actuais – ao lles negaren aos países en desenvolvemento a súa cuota parte xusta de espazo atmosférico- contraíron unha "débeda de emisións" cos países en desenvolvemento; e

-Pola súa achega desproporcionada aos efectos da mudanza climática  -que obriga aos países en desenvolvemento a adaptárense aos impactos e danos crecentes do clima – contraríron unha "débeda de adaptación" cos países en desenvolvemento.

A suma destas débedas no seu conxunto -débeda de emisións máis débeda de adaptación- constitúe a débeda climática, que é parte dunha débeda económica, social e ecolóxica maior que mantén o mundo rico e industrializado coa maioría pobre do planeta.

Cumprir con estas obrigas non só é o correcto, senón que constitúe a base xusta e efectiva para unha solución á mudanza climática. Aqueles que máis se beneficiaron ao daren orixe á mudanza climática deben indemnizar a quen tiveron a menor achega ao problema mais que son os que sufren os seus peores efectos. É obriga dos países ricos compensaren aos países en desenvolvemento pola dobre barreira que lle impuxeron ao seu desenvolvemento: a mitigación e adaptación á mudanza climática, que non foron un problema para os países desenvolvidos no decurso do seu propio proceso de desenvolvemento, mais do cal eles son os causantes.

Os países desenvolvidos, porén, pretenden que lles sexa condonada esta débeda en lugar de pagala. Nas negociacións sobre o clima buscan pasar os custos sustanciais da adaptación aos países en desenvolvemento; evadindo e non saldando a súa débeda de adaptación. E procuran seguir co seu alto nivel de emisións por persoa; aprofundando a súa débeda de emisións no canto de a pagar, consumindo espazo atmosférico adicional, e hacinando á maioría pobre do mundo no xa pequeno e cada vez máis constrinxido espazo restante.

Estamos preocupados porque o consumo excesivo de espazo atmosférico que continúan tendo os ricos do mundo á custa dos pobres do mundo -que necesitan dispor de enerxía e recursos para a construción de escolas, vivendas e infraestrutura que o mundo rico xa ten e que segue aproveitando- pon en risco as perspectivas de calquera solución viable para a mudanza climática, e deste xeito, a seguridade de todos os habitantes do planeta.

Para que o resultado das negociacións sobre o clima sexa xusto e efectivo é fundamental -e polo tanto reclamamos-que os países desenvolvidos recoñezan e paguen en toda a súa amplitude a débeda climática que manteñen cos países en desenvolvemento, comezando en Copenhague. Exhortamos aos países ricos a que:

-Paguen a débeda de adaptación que teñen cos países en desenvolvemento, comprometéndose a tal efecto a financiar e compensar plenamente polos efectos negativos da mudanza climática a todas as persoas, grupos e países afectados;

-Paguen a súa débeda de emisións cos países en desenvolvemento comprometéndose a tal efecto a reduciren as suás emisións nacionais tan drasticamente como sexa posible, e comprometéndose igualmente a unha cantidade determinada de emisións que reflita cabalmente a medida real das súas achegas excesivas históricas e presentes ao cambio climático; e

-Poñan a disposición dos países en desenvolvemento o financiamento e as tecnoloxías necesarias para cubrir os custos adicionais da mitigación e adaptación á mudanza climática, como o estipula a Convención Marco das Nacións Unidas sobre a Mudanza Climática.

Satisfacer estas demandas é un prerrequisito básico para que a Conferencia de Copenhague en decembro de 2009 sexa un éxito. Esta Conferencia debe ser un punto de inflexión para a xustiza climática -un pilar fundamental no camiño cara a salvagarda do sistema climático do planeta e para garantir un futuro no cal os dereitos e aspiracións de todos os pobos poidan tornarse realidade.

pdf Manifesto polo pagamento da débeda climática