Massó, Bouzas, Areal, Teis, Chapela… os recheos matan a ría. Galiza é un dos povos que dentro do Estado Español acumula máis agresións no seu litoral. Un novo termo chegou e acabou instalándose entre nós, o concepto de marbellización , que ameaza con desintegrar os nosos valores e riquezas naturais. Os proxectos de construción previstos no litoral galego ameazan con cubrir de tixolos e cemento a maior parte da costa galega, sen ter en conta o seu impacto medioambiental nen os efeitos que terá sobre sectores como a pesca e o marisqueo, que supoñen 20.000 empregos directos e son responsábeis do 10% do producto interior bruto galego.

Recheos, construción de portos deportivos, ampliación dos portos tradicionais, portos exteriores, plans xerais sen sentido e inxustificados que aumentan a presión sobre o noso litoral e que non reparan en sistemas de saneamento nen de tratamento de residuos, empresas contaminantes e de todo tipo invaden as nosas costas provocando o incumprimento da normativa europea no que di respeito á depuración de augas residuais ata límites que ultrapasan a barreira do intolerábel.

Cobiza e poder únense nesa grande confabulación do capital para expoliar o noso país destruíndoo en beneficio duns poucos.

Este modelo de desenvolvemento é o responsábel da crise que agora estamos padecendo, un modelo que aposta por facernos máis dependentes e que aposta pola destrución total dos nosos sectores productivos tradicionais. Hoxe en día non hai lugar a dúbida sobre a gravidade da situación chamémoslle medioambiental, social , cultural ou patrimonial. O único certo é que de seguir inmersos nesta voráxine de destrución, as consecuencias sobre o noso medio, xeito de vida, identidade e os nosos recursos van ser dramáticas. A intensificación da desfeita é tan grave que está a provocar a alteración e incluso a destrucción da grande maioría dos ecosistemas litorais, perda de biodiversidade, cambio de correntes mariñas, anulación do poder de autodepuración das nosas rías, etc. Todo isto sumado vén hipotecar a riqueza dos nosos sectores marisqueiro e pesqueiro e provoca a destrución directa das economías da zona.

Desde Verdegaia queremos convidarvos a todos e a todas a que, o sábado 14 de novembro ás sete da tarde, vos sumedes á grande manifestación convocada pola RÍA NON SE VENDE , da que Verdegaia forma parte, e que baixo o lema “OS RECHEOS MATAN A RÍA” percorrerá a cidade de Vigo co fin de, unha vez máis, mostrar o noso rexeitamento ante estas desfeitas e a nosa aposta porque outro modelo político e socio-económico é posible.

ACUDIDE O DÍA 14 ÁS 19:00H Á PRAZA DOS CABALOS EN VIGO!!!
A DEFENSA DO LITORAL É OBRIGA DE TODAS E TODOS
NON MÁIS RECHEOS NA RÍA!!!!