bouzashoxe.jpgSábado 12 de maio, ás 12 h nas áncoras de Bouzas.
Convocan: Bouzas Móvete, A.C. A Revolta, A.C. Caleidoscopio, Foro Social de Cangas, GAS, Luita Verde, Salvemos Monteferro, Verdegaia e Voces polo litoral de Teis.

O sábado 12 de maio ás 12 horas sairá da praza das áncoras de Bouzas unha manifestación contra o proxecto da Autoridade Portuaria de ampliar o enorme recheo xa existente.

A destrución feroz do territorio galego, denunciada o derradeiro domingo en Santiago por máis de 3000 persoas que saíron á rúa co berro común de "Galiza non se vende", ten a súa expresión local en Bouzas nun enorme recheo que destruíu o que fora o banco marisqueiro máis rico da Ría deteriorando a súa identidade como vila mariñeira.

A Ría de Vigo ten unha enorme importancia económica polo seu elevado potencial de produción biolóxica e polo atractivo que ofrece para o asentamento de importantes núcleos de poboación e para o estabelecemento de centros de actividade económica. Estas características da Ría fanna especialmente vulnerábel á deterioración medioambiental se non se procura que a súa explotación económica se produza de xeito respectuoso co medio natural. A realización do proxecto de ampliación do macro-recheo de Bouzas é unha das máis importantes agresións que neste momento ameazan a Ría de Vigo, ainda que non é a única, xa que os proxectos depredadores esténdense ao longo de todo o  seu litoral.

Por iso, a manifestación do vindeiro sábado é, de novo, o berro do pobo esixindo o respecto ao noso mar por parte, neste caso, da Autoridade Portuaria de Vigo que, dende 1992, tiña a obriga de axustar os seus proxectos a un Plan de Usos que a día de hoxe segue sen existir.