ence.jpgEn Galicia tamén hai problemas de contaminación do aire, téndose rexistrado 17 superacións de valores límite e umbrais de información de diversos contaminantes atmosféricos ao longo do ano 2006. É o que pon de manifesto o informe “Calidade do aire en Galicia 2006”, elaborado por Verdegaia e Ecologistas en Acción baseándose nos datos oficiais ofrecidos no verán pasado pola Consellería de Medio Ambiente. O tráfico e algunhas industrias son os principais responsables das superacións. 

        Despois de comparar os datos oficiais obtidos a través da Rede Galega de Calidade do Aire cos límites establecidos na lexislación vixente representada polos R.D. 1073/2002 e R.D. 1796/2003, o número de estacións de medición que incumpren ou superan os mesmos en Galicia é de 14 (ver táboa  ao final). Ademais, producíronse 3 superacións do umbral de información de ozono troposférico na estación do Saviñao, integrada na Rede Española de Vixilancia da Contaminación Atmosférica de fondo, o que fai un total de 17 superacións.

         O tráfico e as emisións á atmosfera dalgunhas industrias (ALCOA en San Cibrao, a central térmica de carbón de UNIÓN FENOSA en Meirama, ENCE en Pontevedra, FINSA en Santiago) son os principais responsables das superacións rexistradas en Galicia en 2006. Na cidade de Santiago, superouse o valor límite horario para o dióxido de nitróxeno (NO2), mentres que na de Ourense foi superado nunha ocasión o umbral de información para o ozono troposférico (O3). Nalgunhas superacións semellan ter influído tamén as emisións debidas aos incendios forestais.

          Verdegaia e Ecologistas en Acción consideran que a Consellería de Medio Ambiente debería explicar á cidadanía as razóns que determinaron cada un dos incumprimentos, así como as accións realizadas, en curso ou previstas para evitar que se repitan no futuro.

Insuficiente información á cidadanía en Galicia

A pesar de que a recente creación dunha web sobre a calidade do aire supuxo un avanzo a respecto da situación anterior de desinformación case absoluta, a Consellería de Medio Ambiente continúa a incumprir as disposicións sobre información ao público contidas na normativa de calidade do aire, negándolle á cidadanía o dereito a unha información suficiente, clara e rápida. Por iso, solicitamos á Consellería de Medio Ambiente a aplicación da "Proposta de presentación da información sobre os datos da calidade do aire" elaborada por Ecologistas en Acción.

          Alén de garantir á poboación un acceso adecuado á información dispoñible sobre a calidade do aire que respira, faise necesario dispor de máis información a través da ampliación e mellora das redes que miden a calidade do aire.

16.000 mortes prematuras anuais por contaminación atmosférica 

Está sobradamente demostrado que a contaminación atmosférica incide na aparición e agravamento de doenzas de tipo respiratorio, así como outras asociadas, como as vasculares e os cancros, de aí a existencia da normativa que fixa límites para as concentracións no aire que respiramos de diversos contaminantes. No conxunto de España, estímase que se producen 16.000 mortes prematuras ao ano relacionadas coa contaminación atmosférica.

pdf Descarga o Informe Calidade d Aire en Galicia 2006 1.72 Mb

Táboa: Superacións rexistradas na Rede Galega de Calidade do Aire en 2006

Valor límite horario SO2

0

Valor límite diario SO2

1

Valor límite horario NO2

1

Valor anual NO2

0

Valor límite diario PM10

4

Valor anual PM10

2

Umbral de información O3 *

6

Umbral de alerta O3*

0

TOTAL

14

*No caso dos límites referidos ao ozono troposférico a cifra representa o número de superacións totais, independentemente da estación de medición onde foron rexistradas.