incendio.jpgA xuízo de varias organizacións ecoloxistas, entre elas Verdegaia, FEG e Ecologistas en Acción, a memoria sobre os incendios forestais do ano 2006 presentada pola Fiscalía de Galicia confirma as posicións defendidas por elas e desacredita as especulacións sen fundamento manexadas sobre as causas dos incendios, constituíndo unha chamada de atención sobre a importancia dos incendios debidos ao uso tradicional do lume no medio rural.

Asemade, pode lerse como un “tirón de orellas” para todos os políticos que, no ano pasado ou antes, usaron irresponsablemente os lumes como arma partidaria e pretenderon reducir o complexo problema social dos lumes principalmente a unha cuestión técnica e policial

A confederación ecoloxista estatal Ecologistas en Acción, a Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Verdegaia salientan as seguintes conclusións formuladas desde a Fiscalía:

A vaga de incendios rexistrada entre o 4 e o 15 de agosto de 2006 non supuxo un feito inusual en Galicia. Contabilizouse cando menos unha vaga cada ano desde o 2000, “sendo o número de lumes similar e mesmo superior ao do ano 2006”. Só se diferenciou polas “condicións climatolóxicas extremas, que non se deron no resto dos períodos”. Isto, xunto con insuficiencias e fallos importantes no dispositivo de extinción –que non avalía a Fiscalía- explican que as súas consecuencias fosen tan devastadoras.

Non existen probas de tramas ou de terrorismo incendiario, nin nunca existiron. Tampouco se comprobou que determinados lumes acontecidos en 2006 pretendesen causar alarma social.

-As motivacións políticas, urbanísticas ou relacionadas coa venda de madeira teñen “unha incidencia cuantitativamente insignificante en relación co número total de sinistros”. A principal causa dos incendios é o uso tradicional do lume no medio rural. Neste senso, o elevado número de queimas autorizadas pola Xunta (unha media de 300.000 anuais) e a falta do seu control adecuado orixinan un número importante de incendios.

-O “incendiario-tipo” é home, actúa só, está vinculado a actividades agrícola–gandeiras, vive nunha localidade próxima ao lugar do incendio e ás veces pode reincidir, distinguíndose tres perfís: o imprudente, o incendiario e o pirómano. En particular, o imprudente é responsable dun importante número de lumes, caracterizándose por usar o lume como ferramenta agraria “de forma indisciplinada, incontrolada ou sen adoptar suficientes medidas de prevención, ao que se engade, en non poucos casos, carencia de capacidade física por razóns de idade, o que, nalgúns casos, provocou que o sinistro tivese consecuencias fatais”.

Cando os incendios son investigados en profundidade, a proporción de incendios intencionados descende do 85% ao 60%, polo que as estatísticas baseadas en simples estimacións das causas dos lumes sobrevaloran a intencionalidade.

En consecuencia, entendemos que:

-A Xunta e o resto das Administracións, en xeral, e a Consellería do Medio Rural, en particular, así como as forzas políticas, deben tomar boa nota da Memoria da Fiscalía e actuaren en consecuencia.

-É prioritario incidir sobre as causas inmediatas dos incendios relacionadas co uso tradicional do lume no espazo rural e restrinxir as autorizacións das queimas agrarias, reforzando o seu control e non concedendo axudas para elas[1]. Así mesmo, a Xunta debe dar exemplo e abandonar o uso das queimas prescritas.

-As Fiscalías provinciais deben estudar a posibilidade de interpor querelas contra os delegados da Consellería do Medio Rural que autorizasen queimas agrarias que acabasen provocando incendios.

-É preciso mellorar o coñecemento das causas dos incendios, aumentando a proporción daqueles que son obxecto dunha investigación en profundidade. Hoxe descoñécense as causas do 7% dos lumes e as motivacións do 49% dos incendios intencionados.

-É urxente deixar de usar irresponsablemente os incendios como arma groseira de confrontación partidaria, como ten acontecido baixo todos os Gobernos autonómicos habidos até hoxe.

Considerar as reformas lexislativas propostas pola Fiscalía, sen incorrer, como indica a propia Fiscalía, “na inxenuidade de pensar que a lei penal poida resolver, por si soa, a dimensión do problema”. Por iso, cómpre consensuar un modelo de xestión do monte que teña como obxectivo final superar o enquistamento da fonda problemática social e política que impide rematar con esta lacra dos incendios forestais. Neste senso, reclamamos a elaboración dunha Lei de Montes e dun novo Plano Forestal e o potenciamento do papel do Consello Forestal como órgano de participación social.

[1] A Orde do 12 de xullo de 2007 (DOG 141 de 20/07/07) de axudas para a valorización integral e promoción da multifuncionalidade do monte, contempla axudas para a realización de queimas controladas (punto 3.4.1).