Verdegaia e a Comunidade de Menáncaro piden axilidade na protección do Río da Sardiña e da Fraga de Menáncaro. Denuncian o desleixo do Concello para ter resoltos os trámites antes de que se esgote a lexislatura. Ameazan con retomar as movilizacións de protesta se nun breve espazo de tempo non se resolve satisfactoriamente o asunto.

A asociación ecoloxista Verdegaia e a Comunidade de Menáncaro (integrada por diversos colectivos e particulares) veñen de manter unha entrevista, o pasado día 30 de abril, co Concelleiro de Urbanismo do Concello de Ferrol, o Sr. Angel Mato, para que informase sobre o proceso de protección do Rio da Sardiña e do seu contorno, no que se incluiría a Fraga de Menáncaro.

A nosa sorpresa foi que, a día de hoxe, pouco ou nada se avanzou neste asunto, informándonos dito concelleiro que os trámites de modificación pontual do Plano Xeral de Ordeamento Municipal (P.X.O.M.), necesarios para protexer o Rio da Sardiña e Menáncaro, tardarán como mínimo un ano, a falta de orzamento para poder elaborar o correspondente proxecto, disque!; tempo que, por parte de Verdegaia e da Comunidade de Menáncaro, resulta moi prolongado tendo en conta que xa levamos agardando demasiado tempo, polo que se lle esixiú ao concelleiro a máxima axilización e prioridade para este asunto.

Vistos os atrancos burocráticos e ante as presións que, de seguro, está a receber o Concello por parte dos/as promotores/as da urbanización pretendida en Menáncaro para que sexan indennizados económicamente pola paralización da mesma, desde Verdegaia e a Comunidade de Menáncaro consideramos que o Governo local, lonxe de pretender resolver satisfactoriamente este asunto dacordo co seu compromiso adquirido públicamente, semella querer adiar todavía máis os trámites até esgotar a lexislatura co obxecto de liberarse deste tema tan espiñento.

Desde Verdegaia e a Comunidade de Menáncaro, queremos advertir ao Governo local que de non resolverse satisfactoriamente este asunto nun breve espazo de tempo verémonos na obriga de retomar as movilizacións de protesta. Xa estamos fartos/as de que nos tomen por parvos/as.