O vindeiro fin de semán (días 18 e 19 de xuño) terá lugar o derradeiro roteiro da tempada 2010-2011 do programa Vai de Roteiros! de Verdegaia cun roteiro-acampada na Illa de Ons. O programa desta actividade é moi variado e abrangue roteiros por diferentes paraxes da Illa, debates, actividades acuáticas,… O cronograma da actividade é o seguinte: Sábado á mañá: chegada á Illa e montaxe de tendas de campaña. Sábado á tarde: roteiro pola parte S da Illa e debate sobre a xestión de espazos naturais protexidos. Sábado á noite: cea de confraternización e visita ó Curro (pobo). Domingo á mañá: roteiro pola parte N da Illa e actividade subacuática de interpretación do medio submariño na praia de Melide. Domingo á tarde: recollida de tendas e clausura da actividade.

O programa Vai de rotieros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Así, cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.

Como se comentou liñas arriba, a actividade comezará o sábado á mañá coa chegada d@s participantes á Illa e coa montaxe das tendas de campaña na zona de acampada de Chan da Pólvora. Xa despois de xantar, ás 16 h. botará a andar dende a igrexa do Curro o primeiro roteiro que discorrerá pola parte S da Illa permitíndonos desfrutar das praias de Area dos Cans, Canexol e de Pereiro. Así mesmo, poderemos descubrir o antigo Castro da Cova da Moura, a Laxe do Crego, elementos moi interesantes da arquitectura popular da Illa, e desfrutaremos das fermosas vistas da Illa de Onza e Illas Cíes (estas na distancia), da enseada do Fedorento e do Buraco do Inferno, lugar envolto na maxia das lendas populares que o describen como un lugar onde residen as ánimas en pena. Tras deixar o Buraco do Inferno poderemos observar o illote da Freitosa e a enseada de Caniveliñas antes de chegar á zona de acampada. Unha vez aí e tras tomar un respiro terá lugar un debate sobre a xestión de espazos naturais protexidos entre as participantes. Xa pola noite haberá unha cea de confraternización e faremos unha visita ó Curro.

O domingo pola mañá sairemos ás 10:30 h. da caseta da zona de acampada en dirección á zona N da Illa para observar de perto o Faro de Ons, visitar a Fonte do Gaiteiro, contemplar a Punta do Centulo e darnos un baño na praia de Melide onde tamén se visitará ó valiosísimo ecosistema dunar e se realizará unha actividade subacuática de interpretación do medio natural submariño. Máis tarde partiremos cara o Curro e a zona de acampada para, despois de xantar, recoller as tendas de campaña e voltar ó continente.

A Illa de Ons petence ó Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que se conforma á súa vez polo arquipélago das Illas Cíes, as Illas de Cortegada e Malveiras e a Illa de Sálvora. Ademais, a Illa de Ons foi declarada Refuxio de Caza, Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral, Z.E.P.A. e xunto con outros espazos naturais próximos conforma o L.I.C. "Ons-O Grove".

Entre os valores naturais que poderemos observar están as grandes extensións de matogueiros costeiros onde abundan os toxos xunto con anxélicas, xestas, queirugas, carpazas, trovisco, margaridas,… Entre elas cómpre salientar a presenza de flora endémica neste tipo de formacións vexetais como é o caso de Angellica pachycarpa (endemismo das costas rochosas entre as Berlengas, Portugal, e Santander) ou Leucanthemun merinoi (distribuído tan só entre as penedías litorais entre o N de Portugal e Cabo Ortegal), os cantís onde se asentan importantes colonias de aves mariñas como o corvo mariño cristado e a gaivota patiamarela e non menos interesantes especies vexetais como as herbas namoreiras, o fento mariño, as colexas, o prixel de mar,… Outro dos valores naturais importantes a salientar son os ecosistemas dunares da Illa onde hai unha amplísima representación das franxas típicas de vexetación das dunas galegas co seu mellor exemplo no Dunar de Melide onde plantas ben distribuídas polo litoral galego como o feo da praia, a cebola das gaivotas,… mestúranse con outras especies de distribución moi reducida como Bartsia trixago, entre outras.

Ademais, poderemos desfrutar da presenza de diferentes especies de aves como as pardelas mediterráneas que se atopan actualmente en pleno paso migratorio prenupcial, as chascas comúns que están a sacar as súas poladas adiante neste mes, ou réptiles como a cobra de escada, o lagarto das silveiras (endemismo do cadrante noroccidental da Península Ibérica), o esgonzo de patas ibérico (endemismo da Península Ibérica),…

Entre os valores arqueolóxicos, etnográficos, inmateriais,… poderemos afondar nos diferentes aspectos que rodean os diferentes elementos que conforman o patrimonio cultural da Illa e que, como xa se explicou na descripción pormenorizada da actividade, visitaremos.

Entre as agresións e ameazas que sofre este espazo natural protexido salientan a presión turística que soporta, tanto por visitas de persoas como de embarcacións, as nulas xestións de cara á eliminación de especies invasoras da Illa, a falla da toma de medidas de cara a evitar o declive da poboación de corvo mariño cristado, a realización de reformas en casas e vías de comunicación sen respetar os cánones construtivos tradicionais, a realización de obras sen o seu sometemento a porcesos de avaliación ambiental, a falla de aprobación do P.R.U.X. do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que tiña quer terse aprobado o 3-7-2003 incumplindo así a propia Lei de declaración do espazo protexido,

Nesta actividade contaremos cun guía especializado e bo coñecedor da Illa e os seus valores que realizará paradas explicativas. Os roteiros son de dificultade baixa e cómpre levar tenda de campaña, comida, protección solar, calzado e roupa axeitados, gafas de bucear e tubo se se desexa participar na actividade acuática descrita e prismáticos se se dispón deles. É unha actividade aberta e gratuita para todas e todos e aconséllase o uso do transporte público colectivo para acceder ós portos de embarque á Illa e así non empregar o vehículo privado para non contribuír ó avanzo da mudanza climática.

Para asistir a esta actividade é necesaria a solicitude de praza na zona de acamapada de Ons por parte de cada participante no seguinte enderezo electrónico:

http://www.iatlanticas.es/index.php?option=com_wrapper&view=wrapper&Itemid=200085&lang=es

A viaxe á Illa organízase por conta dos participantes e tanto o horario de chegada como o de saída da Illa é libre. Verdegaia tan só se responsabiliza de que as actividades propostas se leven a cabo.

Máis información: Diego R. Vieites, responsable da Área de Biodiversidade e Secretario Xeral de Verdegaia (670 784 919, diegodalimia@yahoo.es).