Desde VERDEGAIA chamamos a toda a cidadanía a participar na II MARCHA CONTRA OS RECHEOS Domingo 27 de Febreiro às 12 desde a rotonda das Áncoras en Bouzas até a Laxe, onde serán xulgad@s @s responsabeis da Autoridade Portuaria de Vigo.

II MARCHA CONTRA OS RECHEOS 

Domingo 27 de Febreiro

A previsión de novos aterros, peiraos e ocupacións de láminas de auga amosan o papel que lle está a tocar sufrir á ría de Vigo. Este ecosistema, fráxil e privilexiado, cunhas características que a convirten nunha zona de grande produtividade primaria oceánica, está en mans desta boráxine do mal chamado progreso, nunha carreira cara a destrución, a que hai que por freo. A filosofía de crecemento ilimitado da área portuaria dentro dun ecosistema limitado como é a  Ría,  fai que a costa se xestione coma un espazo económico onde a legalidade ambiental é sistemática e impunemente vulnerada polas distintas administracións, abandeiradas dun modelo totalmente insustentábel e desenvolto en base a criterios puramente especulativos no que incumprir a lei sae barato e as consecuencias xurídicas son irrisorias. Desconsiderando que a conservación das nosas rías é un dos maiores activos cos que contamos, actuais e potenciais, tanto económica como ambientalmente.

Se facemos unha fotografía aérea vemos un inmenso aterro que está a modificar a liña da costa cun efecto estético e paisaxístico negativo. Este tipo de actuacións funcionan como pantalla fronte á dinámica eólica natural das praias. O perfil orixinal da ría foi totalmente modificado debido aos sucesivos aterros , provocando importantes mudanzas nas correntes mariñas e a alteración da dinámica sedimentolóxica, que fai que os sedimentos desaparezan dalgunhas zonas e que se acumulen noutras novas(area de neoformación). Estes recheos provocan perda da capacidade de auto-depuración das augas polo exceso de aporte de materia orgánica das obras, ao ir gañando cada vez máis terreo ao mar, imos mudando o perfil e facendo que a ría cada vez se estreite máis, ata sufrir o efecto de estrangulamento, e todo isto provoca que diminúa o fluxo de entrada de augas limpas do océano e se reduza o fluxo de saída das augas interiores contaminadas afectando de xeito irreversíbel a todo o ecosistema da zona: as praias e os bancos marisqueiros así como as áreas de cría e alevinaxe coa conseguinte perda de biodiversidade e de recursos pesqueiros e marisqueiros , o que leva parello a merma na riqueza da zona.

Están en marcha tres proxectos que suman un total de 184.350m2: Bouzas, máximo expoñente do crecemento descontrolado e que xa conta cun recheo de máis dun millón de metros cadrados destinados a armacén de vehículos e polígono industrial así como outras actividades alleas á actividade portuaria, ten proxectados 72.000 m2 máis para carga e descarga de vehículos; o Berbés que suporá rechear 22.350m2 ; O Areal que pretende gañar 90.000m2 ao mar nas proximidades do porto deportivo, no centro da cidade

Bouzas, Areal, Rande, Teis, Cangas, Redondela, Moaña, Nigrán,….A ría de Vigo non soporta xa máis presión e mentres unha vez máis, e xa van moitas, a xustiza está ao servizo dos intereses especulativos e non do interese da cidadanía e do ecosistema. Os delincuentes están na rúa e teñen cargos públicos mentres que as cidadáns son represaliadas por oporse a esta política que hipoteca e destrúe o noso futuro e o das xeracións vindeiras.

A maioría do terreo portuario está infra-empregado, non se precisa máis espazo portuario senón organizar ben o que hai, non podemos permitir que o porto se converta nun polígono industrial de empresas que nada teñen que ver co mar ou que aínda que teñan que ver con este non precisan estar emprazadas en primeira liña de costa. O porto debe ser un lugar de paso de mercadorías, non se pode converter nun almacén.

É preciso reconducir os procesos actuais e xestionar doutro xeito as accións futuras. Precisamos un estudo integral de toda a Ría de Vigo que non estea supeditado á especulación e aos intereses económicos do capital e da administración. Os danos son moitos e o prezo é alto demais.

Olla as fotos da desfeita