manolo_explicando_que_son_as_curripas.jpgEste domingo, 18 de marzo, tivo lugar a Asamblea Comarcal de Verdegaia Ferrol, Eume e Ortegal, no local social de Piñeiros (Narón). Nela fíxose un repaso a todas actividades do núcleo dende o seu nacemento e aprobouse o plano de traballo 2007-08. Un dos puntos máis salientábeis nesta asamblea foi o incremento da porcentaxe dos socios/as nun 91% , dato que consideramos moi positivo e que ven a demostrar a boa saúde e forte calado na sociedade coa que conta Verdegaia . Alén disto, tamén é destacábel a creación dunha nova Area de Traballo Comarcal de Litoral, o cal dará un novo pulo ó activismo neste campo que tanto nos afecta ó ser un núcleo de costa.

Neste novo exercicio aprobáronse as liñas xerais dun plan de traballo moi diverso e completo. Conta con actividades ó aire libre como é o caso de roteiros, nos que se pretende pasar un bo día de distensión entre os/as asistentes e incrementar a conciencia sobre a importancia da conservación do medio natural e os enormes beneficios que iso nos trae e que moitas veces non se lle da a importancia que merece.

Non nos esquecemos, por suposto, do noso patrimonio cultural. Aínda que non é un tema en principio de carácter ambiental si é moi importante para nós, co cal volveremos demandar rehabilitacións do patrimonio arquitectónico galego.

Seguiremos a colaborar con outras organizacións, concretamente de carácter medioambiental e/ou social ademais de participar nas Axendas 21 locais.

Temos moi claro que un dos nosos fins é defender e protexer o Medio Ambiente e para iso faremos as denuncias que sexan convenientes tanto das desfeitas medioambientais como calquera outra cousa que atente contra os fins da asociación. Pero como a labor ecoloxista non debe ser exclusivamente reactiva, tamén traballeremos en positivo, ofrecendo propostas propias como un Plan de Mobilidade sustentábel, ou como a recente iniciativa de Propostas ós Partidos Políticos para que inclúan nas súas axendas de traballo

E xa por último , unha novidade formativa:  introducirémonos no apaixonado mundo da micoloxía.

Dende Verdegaia Ferrol, Eume e Ortegal agardamos que este novo exercicio traia moitas satisfacións e logros de carácter ambiental, social e cultural e que novos/as cidadáns se nos unan neste difícil aínda que necesario traxecto.

Memoria actividades Verdegaia Ferrol -prensa.doc

plano traballo ferrol 2007 e area litoral.doc