A un ano do golpe de Estado en Honduras dende Verdegaia queremos expresar o noso rexeitamento á falsa legalidade que representa o goberno de Porfirio Lobo. Tras a expulsión do goberno lexítimo de Manuel Zelaya e a toma do poder polos sectores da ultradereita hondureña, encabezados por Roberto Micheletti, sucedéronse no país unha serie de cambios que lonxe de abrir o camiño cara a normalidade o que pretenden é perpetuar  no poder ás forzas protagonistas do golpe militar, con gran peso da Igrexa máis conservadora e o exército.

Nesta liña, as eleccións do 29 de novembro pasado non son máis que a culminación desta estratexia. Trátase no fundamental de dar un golpe de man que elimine toda posibilidade de mudanzas no país cara a unha maior democratización e poder das bases comunitarias. De feito, durante todo este ano as organizacións comunitarias, campesiñas, indíxenas ou de mulleres teñen sufrido un constante hostigamento por parte do goberno e as forzas militares e policiais, como ten denunciado e padecido Bertha Cáceres, representante do Consello de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras (COPINH).

Hai que recordar que Honduras é un dos países máis pobres e desiguais de América. Os informes do PNUD para os últimos anos teñen destacado que os seus índices de desenvolvemento humano (IDH) son notablemente máis baixos que o que corresponde a outros países con iguais indicadores macroeconómicos, o que quere dicir que a riqueza económica está especialmente concentrada nunhas poucas mans. Ademais, o propio PNUD recoñece a forte discriminación de xénero presente no país. O golpe militar supón unha agresión a aquelas persoas e organizacións implicadas en transformar radicalmente esta realidade.

Por todo isto, dende Verdegaia esiximos que o goberno do Estado español non actúe con ambigüidades nas relacións co gabinete hondureño actual, e que internacionalmente sexa recoñecido como o que é, o herdeiro dun golpe de estado que trae á memoria os peores tempos de América Latina. E por iso apoiamos a campaña de Amarante e outras organizacións que están a levar adiante unha semana de solidariedade coa resistencia hondureña.

faixa.jpg