Denunciamos a existencia de vertidos sistemáticos de augas industriais do polígono de Xarás á rede de saneamento urbana da EDAR de Ribeira.

Verdegaia vén de ter acceso á auditoría realizada por Adantia1, en relación ao funcionamento desa instalación. Nel aparecen recollidas numerosas eivas que non parecen moi razoables nunha infraestrutura que leva tan pouco tempo en funcionamento. Entre elas, a existencia dun aliviadoiro de auga de orixe industrial que alivia á rede de saneamento urbana.

Cómpre salientar que en tódolos documentos oficiais relacionados coa EDAR insístese en que esta está proxectada para auga urbana, e non para augas industriais2,3.

En 2017, cando Augas de Galicia sacou a exposición pública a Proposta de resolución de autorización de vertido para a EDAR, Verdegaia presentou alegacións. Unha delas facía referencia á presencia de augas industriais na rede de colectores, augas que estaban provocando fallos de funcionamento das instalacións, así como cheiros continuados que provocaron -e seguen a provocar- as queixas da veciñanza.

A resposta de Augas de Galicia a esa alegación4 foi que “…quedan fóra do expediente tamén todas aquelas consideracións relativas ao saneamento do Polígono de Xarás, que non se atopa conectado á EDAR da que procede o vertido obxecto do presente expediente administrativo.”

Está claro que, por como se deseñou a EDAR e polas consecuencias negativas que os efluentes de residuos industriais teñen sobre o seu funcionamento, estes non deben ir á rede urbana.

Non obstante Adantia indica que5 “Non é obxecto deste documento auditar o estado da rede de saneamento. Non obstante hai un punto de particular importancia. Trátase dun aliviadoiro de auga con orixe industrial que alivia á rede de saneamento urbana.”

Sinálase tamén que tanto a temperatura dese vertido (anómala para unha rede de saneamento urbano, segundo as propias palabras do equipo técnico que elaborou o informe) como a súa cor son claros indicadores da súa orixe industrial.

Nas gráficas que aparecen nese epígrafe da auditoría, faise evidente que os vertidos non son un feito ocasional, senón que se trata dun vertido sistemático6:

Como se pode observar, ata maio hai unhas 10 horas de alivio ó día, a partir de aí oscilan entre 14 e 18. Tamén se comproba a ausencia de alivios en domingo e festivo (destacando o intervalo entre o 24 de decembro e o 6 de xaneiro), propios da actividade industrial.”

É inaceptable que se estean producindo este tipo de vertidos, que comprometen o bo funcionamento da instalación. Preguntámonos se Augas de Galicia e o Concello de Ribeira están consentindo na irregularidade e mirando para outro lado, ou están actuando de xeito neglixente na súa función de supervisar que se cumpra o establecido para eses vertidos.

Estes alivios de augas residuais industriais, cargan os pasivos ambientais desas industrias sobre a cidadanía de Ribeira e o seu medio natural. Así, a cidadanía de Ribeira terá que pagar os costos do bombeo, depuración destas augas e mantemento dos equipamentos, e deberá soportar as consecuencias. Tal vez isto explique a inusitada subida anunciada para as taxas de saneamento en Ribeira, onde se pagará máis que noutros concellos de similar ou maior magnitude, como Vilagarcía ou A Coruña.

Mentres os residuos industriais sigan sen depurar en orixe, e indo para onde non deben, os problemas na instalación vanse suceder. Cómpre determinar quen autorizou esa “chave de paso” para que as industriais pasen ao sistema xeral, quen deu permiso para que o alivio de industriais á rede (que podería ser entendible como algo ocasional) se produza de maneira sistemática; e que medidas se van tomar desde o Concello e desde Augas de Galicia para restituír a situación cara o cumprimento tanto da normativa como do recollido no proxecto e a DIA do mesmo.

E por iso que imos presentar cadanseu documento, tanto diante de Augas de Galicia como no Concello de Ribeira, solicitando que se establezan responsabilidades e se tomen medidas.

1Auditoría sistema saneamento Ribeira. Decembro 2019

2Así, na Memoria do proxecto da EDAR (concretamente no “Anejo de resumen de características generales del proyecto, recollido no Tomo I, páxina 43 do pdf”) recóllese que: “La EDAR y la red de saneamiento se proyectan para AGUA RESIDUAL URBANA y NO Industrial. Esto es necesario para garantizar el buen funcionamiento de las instalaciones, y porque, con las actuaciones llevadas a cabo recientemente, el polígono de Xarás tiene una infraestructura que permite el vertido de las aguas industriales al medio receptor a través del nuevo Bombeo del Puerto y del emisario de Touro.”

3Tamén se fai fincapé en que as augas do polígono deben ir separadamente para o emisario do Touro na Declaración de Impacto Ambiental do proxecto (páxina 14 do citado documento), onde di: “A auga residual condúcese polos colectores existentes ao novo bombeo de Cerqueiras, que á súa vez recibe o efluente urbano do centro de Ribeira e xa non recibirá o efluente industrial do polígono de Xarás, que se conducirá de maneira independente ao emisario de Touro.”

4Na páxina 24 da Resolución de autorización de vertidos

5Na páxina 116 da Auditoría sistema saneamento Ribeira. Decembro 2019

6Como tamén se insiste na páxina 118 da Auditoría sistema saneamento Ribeira. Decembro 2019