Obras dun gasoduto Verdegaia solicita un novo proceso de exposición pública para o proxecto de Gasoduto da Barbanza consonte coa convención de Århus. A área de Industria e Enerxía da delegación do goberno de España en Galiza vén de submeter a exposición pública o proxecto para o "Gasoduto de Transporte Básico á comarca da Barbanza". Os tres grosos volumes só estiveron dispoñíbeis en papel e para consulta presencial, permitíndose exclusivamente os apontamentos manuais e limitadas fotocopias en papel, cando a lexislación en vigor dispón a súa publicación por medios dixitais.

Trátase de información técnica complexa e extensa, e asociacións ecoloxistas como Verdegaia non poden trasladar as súas equipas de traballo voluntario durante días ás sedes administrativas do goberno. O expediente é presentado pola empresa Gas Natural – Unión Fenosa para percorrer toda a península do Barbanza desde o concello de Valga até o de Ribeira, recollendo en tres volumes as memorias descriptivas, cálculos, listaxes, planos construtivos, mapas e coordenadas dos seguintes bloques: o Estudo de Impacto Ambiental, a solicitude de autorización administrativa, o proxecto de execución da infraestrutura e a declaración de utilidade pública.

Recoñecemento do Valedor do Pobo

Repítense as mesmas eivas na exposición publica que na tramitación que para este mesmo gasoduto lle correspondera facer á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galiza, nos aspectos da súa competencia.

Xa naquela ocasión, Verdegaia denunciara a falta de adecuación da exposición pública á LEI 27/2006, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e que incorpora as directivas comunitarias da convención de Århus.

A lei estatal e o convenio internacional recoñecen o dereito de todas as persoas a accederen á información ambiental que obre en poder das autoridades públicas; recoñécese así mesmo o dereito a recibir esa información na forma e formato solicitados, e di que as autoridades públicas procurarán conservar a información ambiental que obre no seu poder, en formas ou formatos de fácil reprodución e acceso mediante telecomunicacións informáticas ou por outros medios electrónicos.

Estes dereitos xa lle foran recoñecidos a Verdegaia polo Valedor do Pobo ante a Consellaría de Industria, a resultas dunha queixa apresentada naquela altura. Porén, nas delegacións do Goberno de A Coruña e Pontevedra afirman verbalmente non coñeceren esta lei, e limitan o acceso "á maneira tradicional" sen dispoñibilizaren a documentación en formato dixital.

 

Nulidade administrativa e especial atención ao espazo das Brañas de Laíño

Con todo, alén de solicitar a anulación do proceso de exposición pública para se repetir nas condicións en que se poda realmente traballar coa información, Verdegaia incorporou as achegas que xa se fixeran durante a exposición pública do proxecto de gasoduto por parte da  Xunta de Galiza. Nas mesmas, denunciábase o total esquecemento de flora e fauna de importancia mundial e con diversos graos de protección.

Este esquecemento é particularmente grave nas Brañas de Laíño, que fan parte do LIC do sistema fluvial Ulla-Deza, nas que segundo o informe de impacto ambiental non se identificaran áreas de aniñada ou territorios de especies protexidas, cando o trazado incidía directamente nun dos hábitats ornitolóxicos máis importantes de Galiza e especialmente na zona de aniñada de varias especies protexidas, algunhas delas en serio perigo de extinción.

 

pdf Solicitude de nulidade da exposición do gasoduto da Barbanza

pdf Engádega á solicitude para a exposición do gasoduto da Barbanza

pdf Alegación ao gasoduto da Barbanza de xaneiro de 2009