Segundo un estudo ao que fai referencia un informe sobre incendios que vén de divulgar a confederación ecoloxista estatal Ecologistas en Acción, Galicia emitiu máis dun millón de toneladas de carbono por incendios forestais no período 1981-2002, sendo a comunidade autónoma con maiores emisións de gases causantes do cambio climático debidas a incendios. Este feito é a consecuencia de que Galicia teña sido a comunidade con maiores volumes de madeira queimados durante o devandito período.

A contribución ao maior problema ambiental global que supoñen os incendios forestais en Galicia é ben pequena se a comparamos coa atribuíble ás centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama ou ao transporte por estrada, mais non é desprezable. Aínda que o principal efecto ambiental negativo dos lumes é a perda de solo, a loita contra o cambio climático é unha razón de peso máis para loitar contra os lumes e preservar así a función dos montes como sumidoiros de carbono. Sen perdermos de vista que o realmente decisivo para combater o cambio climático é reducir drasticamente as emisións de sectores como a produción de enerxía ou o transporte.

O informe “Incendios forestales: Análisis y Propuestas” de Ecologistas en Acción pon de manifesto que é no noroeste, sobre todo en Galicia, onde se concentra a maior parte dos incendios e da superficie forestal queimada no Estado español. Así, entre 1996 e 2005, Galicia concentrou o 53,6 % dos incendios e o 25,4% da superficie forestal queimada.

Desde hai moitos anos, os datos dispoñibles indican que a principal causa que provoca os incendios forestais, tanto no noso país como no conxunto de España, é o emprego do lume en determinadas prácticas agrícolas e gandeiras.

O número de incendios forestais en España vense incrementando drasticamente desde o inicio dos anos 80, e aínda que aumentaron os medios humanos e económicos para a súa extinción, non se tomaron as medidas necesarias para evitar que se produzan. Por iso, Ecologistas en Acción, en colaboración coa Fundación Biodiversidad, iniciou unha campaña para reducir o número de incendios forestais e os seus impactos económicos, sociais e ambientais, desde unha maior participación activa da sociedade na prevención e extinción dos mesmos.

Resulta escandalosa a elevada porcentaxe de casos nos que se descoñece a causa do incendio, en particular en Galicia, onde entre 1998 e 2003 non se estimaron as causas do 31% dos incendios intencionados. Se se descoñecen as causas dos incendios difícilmente pode realizarse unha adecuada política de prevención. Posiblemente se se mellorase o estudo de causas e se tentase evitar a causa que provoca o lume poderían reducirse o número de incendios forestais e parte dos investimentos necesarios para a súa extinción.

Como se puido comprobar de xeito dramático en Galicia durante a vaga de lumes do verán pasado, o crecemento urbanístico disperso aumentou o grao de vulnerabilidade da poboación fronte aos lumes e incrementou os incendios de interfaz urbano-forestal. Por iso, as Administracións Públicas, nomeadamente os Concellos, deben restrinxir e mesmo prohibir a construción de novas áreas residenciais illadas dos núcleos tradicionais de poboación, así como garantir a creación e mantemento de perímetros de protección onde for preciso. 

Máis información:

Web da campaña “En cada incendio algo tuyo se quema