O Día da Terra 2007 celebrouse en diversas cidades do Estado español con arton7765.jpgmanifestacións nas que se demandaron solucións firmes contra o cambio climático. En Galicia, tivo lugar unha bicifestación en Ourense a iniciativa de Amigos da Terra, á que se sumou Verdegaia-Ourense. Ademais, ADEGA, Amigos da Terra, FEG, SGHN e Verdegaia difundiron un comunicado conxunto sobre o cambio climático que fai fincapé na necesidade de avanzarmos cara a unha mobilidade sustentable.

O comunicado das organizacións ecoloxistas galegas asume o Manifesto polo clima promovido polas principais organizacións ecoloxistas estatais e fai un chamamento especial a avanzar cara a unha mobilidade sustentable.

Os impactos do cambio climático xa son evidentes e, de continuar como até agora, é probable que as temperaturas medias globais poidan subir até 6,4°C para finais deste século, levando a máis secas, perigosas vagas de calor, enchentes e furacáns máis fortes, ao desxeo de polos e glaciares, e a unha suba importante do nivel do mar.

É imprescindible reducirmos as emisións dos gases de efecto invernadoiro nos países industrializados un 30% para o ano 2020, e un 80% para o ano 2050, para que a temperatura global non aumente máis de 2 ºC a respecto das temperaturas preindustriais. Deste xeito poderemos evitar que se desencadeen impactos que sen dúbida terán dramáticas consecuencias ambientais, económicas e sociais.

As organización ecoloxistas pedimos á Xunta de Galicia (especialmente a aquelas consellería cuxas políticas teñen máis incidencia nas emisións que causan o cambio climático, como a de Innovación e Industria, a de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e a de Economía e Facenda), aos Concellos, aos partidos políticos, e ás empresas, sobre todo ás grandes compañías enerxéticas, que dean á loita contra o cambio climático a prioridade que se merece.

Uso racional do transporte

O mal uso xeralizado que se fai do automóbil na cidade supón unha das principais fontes de agresión ao medio ambiente urbano, alén dos problemas de saturación da rede viaria. Este abuso xeralizado do automóbil está tendo repercusións directas sobre a saúde pública: accidentes de tráfico (máis de 1.2 millóns de persoas no mundo), sedentarismo, problemas respiratorios, estrés… O coche, ademais de consumir unha grande cantidade de enerxías non renovables, e de ser a causa principal de contaminación atmosférica, supedita a el o espazo urbano de forma que o 40% deste espazo está ocupado polas infraestruturas para o automóbil. O transporte consume case a metade das enerxías fósiles, sendo o responsable do 23% das emisións de gases efecto invernadoiro en Galicia.

A Mobilidade Sustentable, entendida como a xestión equilibrada, social, económica eambiental dos diversos modos de transporte e as infraestruturas necesarias para eles, é aaposta que respaldamos os diferentes grupos ecoloxistas. Esta opción pola Mobilidade Sustentable non é neutral, senón que se posiciona dun xeito activo polos modos de transporte non contaminantes, bicicletas e marcha a pé, e non só por razóns ambientais ligadas ás emisións senón porque en si mesmos supoñen un cambio nos hábitos de vida de quen usa estes modos de transporte, progresando cara a unha sociedade sostible. A opción pola mobilidade sustentable é unha aposta polo transporte colectivo, por un transporte ao servizo das cidadás e non das empresas adxudicatarias e/ou construtoras de infraestruturas. Para asegurarmos isto é imprescindible unha planificación estratéxica dos transportes e unha lei da mobilidade que priorice os medios a empregar nas empresas, concellos ou comunidades.