As asociacións ecoloxistas Fontaíña e Verdegaia denuncian que en datas recentes se causaron destrozos nas dunas da praia do Baluarte, situadas na parroquia viguesa de Coruxo.

 

Segundo unha testemuña que se puxo en contacto con membros destas dúas asociacións, un turismo tentou maniobrar nas dunas para dar a volta e continuar buscando aparcamento e quedou atrancado; tras retiralo dese lugar, a duna quedou literalmente arrasada.

Concretamente fixeron falla quince persoas -que pisotearon a duna para empuxar o coche- e empregar táboas que serviron de apoio firme ó vehículo e que esmagaron a vexetación dunar para retiralo dese lugar. Ademais, o vehículo circulou por un treito de dirección prohibida e acceso só prmitido ós residentes de dúas casas próximas antes de quedar atrancado.

As dunas son ecosistemas fráxiles que non toleran este tipo de impactos que acaban coa súa vexetación e causan unha considerable erosión. Hai que entender que un ecosistema dunar pode desaparecer a causa do simple pisoteo dunha persoa que pase dúas veces ó día por unha duna.

Ademais, as dunas da Fontaíña son un bo exemplo de traballo de recuperación ambiental dun ecosisitema dunar, traballo realizado dende o ano 1992 polo Grupo Erva en primeiro momento e pola Asociación Fontaíña nos últimos anos. Todo este traballo pode botarse pola borda con este tipo de feitos.

Dende as Asociacións Fontaíña e Verdegaia denunciamos a pouca sensibilidade ambiental, o pouco respeito polos traballos de recuperación dos ecosistemas dunares e a irresponsabilidade de certos cidadáns que coa súa conducta inaceptable causan danos nestes delicados mais valiosos ecositemas litorais.