Ante a grave agresión ambiental que veñen sufrindo os areais de Galicia con ocasión das fogueiras de San Xoán, moi especialmente na Area Loura(*)-Panxón, en Nigrán, e que vai empeorando cada ano que pasa, temos a responsabilidade de denunciar publicamente esta situación e facer unha chamamento á reflexión, tanto á poboación como ás administracións concernidas, é dicir:

  • Á Xunta de Galicia (CMAOT – DX do Patrimonio Natural),
  • Ao Ministerio de Medio Ambiente (Servizo Provincial de Costas de Pontevedra) e
  • Ao Concello de Nigrán,

San Xoán na Area Loura-Panxón no 2018

Area Loura-Panxón é un areal que, a pesar da intensa urbanización sufrida polo seu entorno durante as últimas décadas, e a pesar da eliminación parcial do seu sistema dunar, mantén uns importantes valores naturais que requiren preservación e, polo tanto, protección.

Porén, o ano 2018 as festas de San Xoán en Area Loura-Panxón contaron cos seguintes elementos:

  • As dúas fogueiras grandes tradicionais de Panxón, que teñen lugar todos os anos na zona Norte do areal, no seo formado polo peirao, en zona moi urbanizada, pero en solo clasificado dende 2014 como Área de Presenza da Píllara das Dunas, segundo o Plan de Conservación da Píllara. Estas fogueiras realizáronse coa autorización habitual do Servizo de Costas de Pontevedra.
  • Un número aproximado de 200 fogueiras pequenas e medianas, realizadas dentro de parapetos de area circulares, acumulados a padeadas polos participantes, na desembocadura do río Muíños, sobre o ENIL Ecosistema Dunar Praia América-Panxón e dentro da Área Prioritaria de Conservación da Píllara das Dunas. Estas fogueiras realizáronse sen autorización de ningún tipo.
  • Unha participación de entre 60.000 e 80.000 persoas (segundo declaracións do alcalde de Nigrán), que converteron a festa de San Xoán nun xeito de botellón moi alén do multitudinario.

Estes feitos contraveñen a preservación dos valores do areal do xeito que se expón a continuación.

O ENIL Ecosistema Dunar Area Loura-Panxón

Tras anos de traballo de recuperación, o Ecosistema Dunar Area Loura-Panxón está en tramitación para ser declarado definitivamente ENIL (Espazo Natural de Interese Local). Xa foi declarado provisionalmente ENIL no ano 2014.07. O seu preceptivo Plan de Conservación foi sometido a exposición e participación pública no ano 2017.10. Non hai máis noticias sobre a súa tramitación. Pero a declaración definitiva do ENIL pode verse moi lastrada polos acontecementos que motivan esta denuncia pública.

O Plan de Conservación da Píllara das Dunas (Charadrius alexandrinus) de Galicia

A píllara das dunas é unha ave limícola moi pequena (150-175 mm cabeza-cola), que habita areais, dunas, marismas e humidais en case todo o mundo, pero con unha moi baixa densidade poboacional. A presión antrópica sobre os seus hábitats fai que a píllara figure no catálogo de especies ameazadas de Galicia como especie vulnerable, é dicir, en declive continuo.

A Píllara foi elixida Ave do ano 2019 pola ONG SEO Birdlife, debido ás ameazas que enfronta e ao feito de que a súa poboación sufriu un forte descenso nos últimos 10 anos no estado español.

Un traballo realizado ao longo de décadas (J.A.Sousa, J.Domínguez, M.Vidal) deu lugar a un Documento Técnico (2008) e este, á un Decreto legal (2014): o Plan de Conservación da Píllara das Dunas de Galicia. O obxectivo do Plan é acadar un hábitat de reprodución e invernada capaz de soster unha poboación nidificante de 250-300 parellas en toda Galicia. O Anexo II do Plan establece unha relación cartográfica de 45 areais zonificados en áreas, con normas de protección da especie e do hábitat en cada área. As normas son máis estritas na época de reprodución, que vai dende o 15 de marzo ao 15 de xullo (abarcando, polo tanto, San Xoán).

Area Loura-Panxón está incluída no Anexo II do Plan. A totalidade do areal está clasificado como Área de Presenza da Píllara. A súa zona central, na desembocadura do Río Muíños, está clasificada como Área Prioritaria de Conservación. O Título III do Plan, artigos 9,10,11 e 12, establece as normas de protección correspondentes.

Pois ben: As fogueiras de San Xoán, a remoción da area para facer os parapetos das 200 fogueiras pequenas e medianas, e a concentración festiva de entre 60.000 e 80.000 persoas no areal, sobre todo en torno ás fogueiras (tanto as 2 fogueiras grandes de Panxón como as 200 restantes) son actividades moito máis agresivas que as expresamente prohibidas na Área Prioritaria de Conservación.

A ZEPA estatal Rías Baixas

Engádase ao anterior que na franxa intermareal solápanse Area Lourido-Panxón e a ZEPA estatal Rías Baixas, basicamente mariña, pero que se adentra nas Rías de Vigo, Pontevedra e Arousa (na de Vigo ata Toralla-Canido na beira Sur). Esta circunstancia é suficiente para que calquera actividade que se desenvolva no areal teña que ser sometida a Avaliación Ambiental antes da súa aprobación pola Autoridade competente.

As Autoridades responsables e a ausencia de normativa de ámbito galego para as fogueiras

  • A autoridade estatal responsable da xestión do Dominio Público Marítimo-Terrestre é o Ministerio de Medio Ambiente, Dirección Xeral da Costa e do Mar, a través do Servizo Provincial de Costas, neste caso o de Pontevedra.
  • A autoridade galega concernida polas actividades con consecuencias ambientais sobre espazos naturais e biodiversidade en territorio galego é a Consellería de Medio Ambiente, Dirección Xeral do Patrimonio Natural, a través da Xefatura Provincial, neste caso a de Pontevedra.
  • Por último, a autoridade local promotora das festas de San Xoán na Area Loura-Panxón, e impulsora das fogueiras, é o Concello de Nigrán.

As fogueiras regúlanse pola normativa municipal que emiten moitos concellos, non todos, e dun xeito non unificado. Non existe unha normativa específica de ámbito galego que regule as fogueiras que se consideran parte das festas tradicionais. Cremos que tal normativa debería ser elaborada pola Xunta de Galicia, mediante a cooperación das Consellerías de Medio Ambiente e Cultura, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, e os propios concellos.

Por outra parte, non consideramos ambientalmente aceptable que se realicen fogueiras nos areais. Pero de houber algún caso especial polo seu valor cultural e pola súa compatibilidade ambiental, debería establecerse un sistema de cooperación entre a Xunta de Galicia e o Servizo de Costas para coordinar as autorizacións, o control da actividade e a seguridade.

CONCLUSIÓNS

Os feitos descritos revelan a extrema necesidade de respectar os plans e as normas de protección dos espazos naturais e da biodiversidade, ante a degradación da natureza que causa o ser humano, a aceleración do cambio climático e a galopante desaparición de especies. Sobre todo, nun país como Galicia, que protexe unha tan escasa extensión do seu territorio.

En consecuencia, manifestamos o noso desexo de que todos, administracións e cidadáns, teñamos en conta as causas dos feitos ocorridos na Area Loura-Panxón no San Xoán de 2018, e lle poñamos remedio, cada un na medida que nos corresponda, para que non volvan ocorrer nunca máis.

(* Indebidamente chamada Praia América).

https://www.seo.org/ave/chorlitejo-patinegro/
http://www.piogrove.com/es/noticias/159-informe-chorlitejo-patinegro-2018.html
https://www.farodevigo.es/portada-arousa/2019/01/16/chorlitejo-patinegro-ave-ano-espana/2034002.html
https://elpais.com/sociedad/2019/01/16/actualidad/1547640260_185488.htm