Mercado entre lusco e fuscoNa vindeira terza-feira, 19 de outubro, o mercado entre lusco e fusco vai celebrar a partir das 18 horas a I Feira do Outono, no Centro de Interpretación Ambiental de Belvís. Após o éxito da I Feira de Verán celebrada o pasado mes de xuño, queremos convidar a todo o mundo a celebrar connosco a chegada do outono. Teremos obradoiros (elaboración de marmeladas e de pasta de dentes), xogos tradicionais, contacontos, castañas, música… Sen esquecer o noso mercado habitual con produtos locais, ecolóxicos, comercio xusto e feira de trocado!

Consulta o programa na bitácora do mercado.

A feira de trocado

Verdegaia colabora nesta feira coa organización do mercado de troco na súa campaña permanente Consomes ou Devoras? A temática do troco será libre, podéndose achegar aqueles obxectos que estean en bo estado e que xa non nos son útiles para lles procurar quen poida tirar un novo proveito deles, nun espazo de mercado non capitalista e de consumo responsábel.

O troco comeza ás sete do serán co tempo de entrega e exposición de xéneros até as oito. Podedes entregar até tres obxectos polos que se recibirá cadanseu vale. Ás oito e cuarto cadaquén vai escollendo o que máis lle interesa dos obxectos expostos por orde de sorteo. En calquera caso, e dado que o que se pretende é propiciar un espazo libre de intercambio, tamén se aceptará o troco bilateral entre asistentes, se así se dá a ocasión.

O troco é un sistema de mercado no que se ten en conta o valor das cousas, non o seu prezo en moeda, e que diminúe as diferenzas sociais á hora de consumir. Require unha reflexión previa sobre o que valoramos e o que non valoramos do que xa posuímos, diminúe a produción de residuos, favorecendo a reutilización. Tamén aforramos transportes de lonxe e achegámonos a outras persoas da bisbarra creando sinerxias.

Mercado entre lusco e fusco

Unha iniciativa semanal que se celebra no serán de todas a terza-feiras no parque de Belvís de Compostela, Un espazo para os produtos frescos e de tempada de orixe ecolóxica e local, de comercio xusto, de trocado, artesanía, petiscos e degustacións, obradoiros, música, baile xogos e máis.

Organizan Andaime, Eirado, A Hortiña da Ponte e Lentura co apoio da concellaría do ambiente de Compostela e o programa Compostela Viva.