trocoabastos.jpgEste sábado, 30 de outubro, ven á Praza de Abastos trocar aquelas cousas que tes pola casa e non precisas, mais teñen aínda un valor que lle poden tirar outras persoas. En colaboración coa asociación de comerciantes da Praza de Abastos de Compostela convócase esta feira de troco que como outros anos Verdegaia organiza todos os últimos sábados de cada mes neste tradicional recinto de calidade e sustentabilidade. Esta actividade encádrase dentro da campaña permanente de Verdegaia: Consomes ou Devoras?

 

A temática do troco será libre, podéndose achegar aqueles obxectos que estean en bo estado e que xa non nos son útiles para lles procurar quen poida tirar un novo proveito deles, nun espazo de mercado non capitalista e de consumo responsábel.

O troco comeza ás 11:30 co tempo de entrega e exposición de xéneros. Podedes entregar até tres obxectos polos que se recibirá cadanseu vale. Ás 13:00 cadaquén vai escollendo o que máis lle interesa dos obxectos expostos por orde de sorteo. En calquera caso, e dado que o que se pretende é propiciar un espazo libre de intercambio, tamén se aceptará o troco bilateral entre asistentes, se así se dá a ocasión.

O troco é un sistema de mercado no que se ten en conta o valor das cousas, non o seu prezo en moeda, e que diminúe as diferenzas sociais á hora de consumir. Require unha reflexión previa sobre o que valoramos e o que non valoramos do que xa posuímos, diminúe a produción de residuos, favorecendo a reutilización. Tamén aforramos transportes de lonxe e achegámonos a outras persoas da bisbarra creando sinerxias.

Consomes ou devoras?