tourinham.jpgA Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia apoian a decisión da conselleira de Pesca, Carmen Gallego, de impedir a construción dunha macropiscifactoría de Pescanova en cabo Toriñán, dentro do espazo natural da Rede Natura 2000 “Costa da Morte”. A construción da piscifactoría en Touriñán constituiría unha agresión inaceptábel a un dos espazos máis valiosos da costa galega e ibérica.

FEG e Verdegaia felicitan á Xunta por corrixir unha decisión do Goberno do PP que antepoñía os intereses privados de Pescanova á defensa do patrimonio ambiental colectivo. As organizacións ecoloxistas lamentan a reacción de Pescanova, prepotente e carente de sensibilidade ambiental.

A FEG e Verdegaia entenden a frustración do presidente de Pescanova, Manuel Fernández Sousa, pola negativa das Consellerías de Pesca e de Medio Ambiente a aceptaren a destrución de cabo Touriñán. Despois de disfrutar dun trato de favor por parte da Xunta anterior e do Concello de Muxía, de comprar as terras a veciños e veciñas de Touriñán por un prezo irrisorio, de ter tentado iniciar as obras da piscifactoría sen agardar á finalización de todos os trámites administrativos, agora láiase por unha decisión coherente coa normativa legal de protección da Rede Natura 2000 e beneficiosa para a cidadanía.

A FEG e Verdegaia solicitan á Xunta que paralice a tramitación de todas as piscifactorías até que non se aprobe a revisión do Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria. Asemade, demandan da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel que acelere a elaboración do Plano que pretende garantir a conservación dos espazos da Rede Natura 2000 e ao mesmo tempo favorecer o desenvolvemento sustentábel nesas áreas. Éste non pasa pola implementación de proxectos como o de Pescanova, ambientalmente agresivos e xeradores de pouco emprego.

Acuicultura e sustentabilidade 

FEG e Verdegaia tamén advirten que non todos os tipos de acuicultura se poden considerar ecoloxicamente sustentábeis e que a solución do problema da sobrepesca pasa principalmente pola recuperación dos caladoiros, o apoio á pesca artesanal e a redución do sobreconsumo de peixe nos países máis desenvolvidos. As devanditas organizacións ecoloxistas avogan por un tipo de acuicultura en pequenas instalacións respectuosas co medio natural, que non fomente a sobrepesca de certas especies para a fabricación de pensos destinados á alimentación dos peixes criados en piscifactorías e que non empregue antibióticos e outros químicos. A produción de alimentos en piscifactorías pode ser tan pouco ecolóxica e saudábel como a das granxas intensivas produtoras de carne.