A Federación Ecoloxista Galega quere saír ao paso das declaracións do presidente da Xunta sobre a ausencia de impacto ambiental da piscifactoría de Touriñán. A FEG lémbralle a Feixóo que tódalas actuacións sobre o medio ambiente teñen impacto ambiental. Resulta imposible non recoñecer a presenza de impacto ambiental salvo que se queira enganar vilmente aos cidadáns.

O impacto ambiental deste complexo industrial sobre o istmo de Touriñán resultaría desproporcionado e unha auténtica atrocidade, contraposto a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de Protección da Paisaxe de Galicia.

De prosperar a piscifactoría só cabería solicitar á Xunta que os seus planos de suposta "austeridade" incluíran a eliminación da súa recente creada Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, por demostrarse coma un departamento sen sentido e totalmente inservible para a protección do territorio, organismo do que a FEG agarda que o seu director, D.Manuel Borobio Sanchiz, especialista na ordenación territorial, faga un pronunciamento ao respecto.

A FEG lembra que o proxecto tivo que pasar dúas veces por exposición pública de avaliación ambiental, xa que o primeiro estudo era de nula calidade técnica e indefendible, e PESCANOVA viuse obrigada a repetir o proceso contratando ao Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela, sendo dirixido o estudo polo catedrático D.Felipe Macías.

O segundo estudo, contratado e pagado por PESCANOVA, non pode eludir, tal e como se fixera no primeiro, o inevitable impacto ambiental, pero consegue vestilo como ditame favorable grazas á pericia argumental e de interpretación que permite driblar principios da lexislación ambiental, o que fai posible que o que resulta crítico para a paisaxe e a destrución de biodiversidade e recursos mariños, nun espazo natural protexido, se poida compatibilizar sen obxección ambiental algunha.

Aínda así, o documento recoñece afeccións que chegan ao grado de maior impacto da avaliación ambiental: os de nivel crítico. Tamén recoñece numerosas afeccións severas e moderadas, suficientes como para derrubar calquera proxecto en condicións obxectivas. Pero as súas conclusións finais dan un xiro brusco pasando de puntillas sobre as graves afeccións ambientais e afondando noutros aspectos estériles dende o prisma ambiental e derivando a outras xustificacións fóra de estudo relativas á suposta relevancia socioeconómica.

Entre as afeccións que recolle o estudo destaca a cualificación máxima de impacto, a de crítico, sobre a paisaxe e que afectaría a todo o contorno do cabo Touriñán. Tamén se refire ao impacto por vertedura de residuos, na que se recoñece unha afección de moderada, severa e crítica sobre a biodiversidade mariña da zona intermareal e fondos mariños próximos, no que figura literalmente coma "perda da biodiversidade por desaparición progresiva de crustáceos, moluscos", nunha zona que ten un alto valor marisqueiro, principalmente de percebe e outros crustáceos.