cartaz charla eea

Diosa Maat – Ecologistas en Acción

Activistas de Ecologistas en Acción que viaxan a bordo do veleiro da organización “Diosa Maat” atracado no náutico de Ribeira, e representantes da plataforma contra a minaría destrutiva de Galiza “ContraMINAcción” (na que está integrada Verdegaia) teñen programado para esta tarde un encontro de traballo. Nel estudaranse estratexias comúns contra estes proxectos, que poden resultar moi daniños para o ambiente, a saúde das persoas e os seus medios de vida sostible como a agricultura, o turismo, a pesca ou o marisqueo.

Posteriormente, ás 19:00, na sala multimedia do Concello de Ribeira “Lustres Rivas”, un dos activistas de Ecologistas en Acción e responsable de minería da organización, Isidoro Albarreal, vai explicar as eivas, problemas e ilegalidades do proxecto que a mineira Atalaya Mining ten na mina de Riotinto. Lémbrese que Atalaya Mining é a empresa que tamén está a promover o proxecto de minaría en Touro-O Pino.

En Huelva, a empresa ten moito máis desenvolvido o proxecto, pero as prácticas da mineira (falsidades e intentos de eludir a lexislación ambiental) son moi parecidas nunha e noutra mina.

Simultaneamente á explicación do que está acontecendo en Riotinto, dúas activistas de ContraMINAcción expertas na expansión mineira en Galiza e no proxecto de Touro-O Pino, intervirán para comparar o proxecto galego e o andaluz.

Cómpre lembrar que Galiza ten nin máis nin menos que arredor de 520 explotacións mineiras activas na actualidade, e as concesións de exploración ou explotación abranguen máis da metade da superficie do país.

Isidoro Albarreal tráenos a Galiza algún material multimedia practicamente inédito en Galiza que non vai deixar indiferente a ninguén.