O próximo día 18 de marzo ás 18.00 horas celébrase no local da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (Rua Basquiños 33, 1ºA, Santiago de Compostela) un encontro con Gisela Cañas Uribe e Luis Alberto Rentería Mosquera, activistas colombianos, organizado por Verdegaia, Amarante e ACSUR-Las Segovias. 

Este encontro intégrase dentro da xira por Europa que estes activistas están a levar a cabo, organizada pola Red Capicúa (na que se integran diferentes organización como Ecoloxistas en Acción), co fin de informar e sensibilizar sobre o desprazamento forzado e a ocupación ilegal de terra para proxectos vencellados á agroindustria.

Este encontró está aberto a todas as organizacións e colectivos que estean interesados no tema. Trátase dunha oportunidade para coñecer de preto a realidade que se está a vivir en Colombia e para establecer contacto con organizacións que están a traballar para transformar a realidade. A visita destes dous activistas xurde da convocatoria internacional do pasado 6 de Marzo do Movemento Nacional de Víctimas de Crímenes de Estado de Colombia (MOVICE), que reuniu a miles de persoas en Bogotá e noutros cen lugares de todo o mundo.

Gisela Cañas Uribe é integrante do equipo xurídico da organización colombiana de Dereitos Humanos “Comisión Intereclesial Justicia y Paz”. A súa labor céntrase no acompañamento a comunidades desprazadas e en proceso de retorno e a comunidades en risco de desprazamento forzado.

Luis Alberto Rentaría Mosquera é un líder afrodescendente do “Consejo Comunitario de El Curvaradó” e afectado polo desprazamento da súa comunidade.