ENCE - forestalA perda de biodiversidade no noso País está inevitablemente ligada a ENCE, responsáble da repoboación dos montes con especies foráneas e en particular da súa eucaliptización. A expansión do modelo de monocultivo de eucalipto provocou que a Galiza teña a maior superficie de eucaliptais do Estado e que siga experimentando un crecemento trepidante: 40.000 héctareas de eucalipto no ano 1987, 170.000 en 1997 e 375.000 no ano 2009. En vista dos datos provisionais dispoñibles, a finais de 2015 a superficie de eucaliptais en Galiza podería achegarse ás 500.000 ha.

A repoboación con especies pirófitas como o eucalipto e o piñeiro favorece a propagación dos lumes e relaciónase co abandono agrario e co declive do medio rural galego xa que os montes deixan de ser fonte de recursos para a poboación e convértense en almacéns de combustible altamente inflamable. 

A pesar das avultadas evidencias de insostibilidade, un informe da empresa auditora SGS permitiu a concesión da certificación FSC a NORFOR (filial forestal de ENCE), un sistema de certificación que se desprestixia na medida en que certifica as prácticas mais degradantes e insostibles que caracterizan a ENCE.

A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas. Isto acontece perante a pasividade e complicidade da Xunta e que supón un feroz castigo biolóxico ó solo galego, unha ameaza para a biodiversidade e un ataque ás masas forestais autóctonas.