cataz documentário - en todas as mansO próximo venres 10 de xullo, ás 20h00 no centro social A Revolta do Berbés (R/Real, 12 ), veremos o documental “En todas as mans” un proxecto audiovisual sobre os montes veciñais en man común.

Teremos con nós a parte da equipa técnica do documental para que nos presenten o seu traballo e para participar nun coloquio ao finalizar a proxección.

O evento está organizado por A Revolta, Verdegaia e G.A.S.

O Proxecto

No país do minifundismo permanece unha realidade que é de todas, e ao tempo de ninguén. Así é o mundo dos montes veciñais en mancomún.

Esta forma de titularidade comunitaria asenta as súas raíces nunha concepción colectiva do territorio, e fai parte do patrimonio cultural galego.

Hai trinta anos os seus lexítimos titulares, a veciñanza dos lugares, comezaron a recuperar a xestión dos montes veciñais, é tempo pois de realizar unha achega á situación actual deste réxime de titularidade.

Pretendimos construír un relato tecido coas voces das xentes das comunidades e do ámbito académico, construíndo unha ollada diversa, unha reflexión colectiva sobre o monte veciñal e o seu futuro.

Os montes veciñais en mancomún

Os montes veciñais en mancomún son formas de titularidade de orixe xurídica xermánica. Fronte a propiedade pública ou privada, que teñen orixe xurídica romana, este xeito de xestionar o territorio non supón ser propietario, senón usufrutuaria, dereito de uso e xestión. O monte veciñal non se pode vender, nin parcelar.

Na actualidade, a forma do veciñal existe no territorio galego e no norte de Portugal. Galiza conta con aproximadamente 3000 comunidades de montes en mancomún, que xestionan perto de 700.000 ha de territorio galego, o que representa case 0 25 % da superficie do país.

A titularidade comunitaria implica na xestión do territorio unha parte considerábel da poboación, na volta de 150.000 comuneiros/as.

Que fai necesario este traballo?

Este documental pretende mostrar o mundo do monte veciñal, unha realidade próxima, escasamente coñecida e pouco valorada pola sociedade galega. Ao tempo, queremos sinalar as potencialidades que ten como ferramenta válida para a xestión e custodia do territorio próximo.

Pretendemos sinalar a titularidade comunitaria como un elemento que fai parte do patrimonio cultural galego.

Queremos que este proxecto sirva como recoñecemento para as persoas que conforman as comunidades de montes, os comuneiros e comuneiras. Desexamos estimular a súa participación e o orgullo por poder participar dun xeito de xestión do territorio propia, ao tempo que esa apreciación se expande ao conxunto da cidadanía galega.