A xefa do Goberno alemán, Angela Merkel, vén de declarar que non ten intención de mudar a política nuclear alemá de peche escalonado das súas centrais nucleares segundo se vaian amortizando. A confederación estatal Ecologistas en Acción considera positivo este plano de peche alemán, que frearía un posible relanzamento da enerxía nuclear na UE. Ecologistas en Acción pide, por iso, que o Goberno español tome exemplo do alemán.

A posición do Goberno de Alemaña, pactada entre o partido socialdemócrata SPD e Os Verdes durante a anterior lexislatura, non variou coa chegada ao poder da CDU de Angela Merkel, que goberna en coalición co SPD. O que mostra, por un lado, que a sociedade, a clase política e a industria alemás chegaron a un consenso de que a decisión tomada polo anterior goberno é a máis vantaxosa para o país e, por outro lado, escenifica a imposibilidade de atinxir o consenso europeo pronuclear demandado pola industria nuclear.

Os importantes problemas de atrasos e encarecemento que está sufrindo a central nuclear de Olkiluoto, o quinto reactor de Finlandia en construción, amosa as dificultades que ten para se abrir paso unha fonte de energía complexa e cara como a nuclear.

Un dos principais problemas da enerxía nuclear é a xestión dos residuos radiactivos de alta actividade, unha materia pendente en todos os países. En España, o Goberno viuse obrigado a adiar até despois das eleccións municipais de 2007 a procura dun emprazamento para o Almacén Transitorio Centralizado (ATC).

A solución aos problemas enerxéticos europeos non pode pasar por unha expansión da enerxía nuclear. A opción correcta é a substitución progresiva desta fonte de enerxía cara, complexa e impactante, por enerxías limpas e medidas de aforro e eficiencia que de verdade darán independencia enerxética ao Vello Continente. Ecologistas en Acción reclama a mesma actitude valente do Goberno Español para que tome as medidas conducentes ao abandono progresivo da enerxía nuclear no Estado español.

Máis información:

Polo peche das centrais nucleares españolas

Web sobre a enerxía nuclear de Ecologistas en Acción