A dirixente labrega paraguaia Gilda Roa, do MAP (Movimiento Agrario y Popular) viaxou no mes de Maio a Europa para participar en Bonn no evento Planet Diversity, celebrado de modo paralelo á Convención da ONU sobre Diversidade Biolóxica. Fíxoo convidada por CEO (Corporate Europe Observatory) e A SEED Europe (Action for Solidarity, Envinonment, Equality and Diversity), organizacións que aproveitaron, ademais, para facer unha xira europea da campaña internacional "A soia mata".

A xira europea "A soia mata" chegou a Galiza da mao da ISAP (Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos), alianza integrada por Amarante, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Veterinarios Sen Fronteiras, nascida o pasado mes de Abril co obxectivo de "dar a coñecer, construír e defender a Soberanía Alimentar dos Pobos en e desde Galiza, cos pés na terra e cunha ollada global, colaborando con iniciativas similares existentes noutros países, sen descartar a integración en alianzas ou plataformas supranacionais".

Gilda Roa viaxou por Europa acompañada de Nina Holland (investigadora do CEO, onde ten estudado as políticas da UE sobre agrocombustíbeis) e a antropóloga An Maeyens (da rede A SEED Europe e que ten traballado con poboacións labregas no Paraguai) para dar a coñecer os graves impactos ambientais e sociais que provocan no Paraguai os monocultivos de soia transxénica, que teñen como destino a exportación para a elaboración de agrocombustíbeis e pensos para gandaría industrial.

Entre 4 e 6 de Xuño, as tres mulleres deron charlas na Faculdade de Veterinaria de Lugo, no Ateneo Ferrolán e no CSA A Cova dos Ratos, en Vigo. Tamén participaron nun almorzo coa prensa en Compostela. Mentres, o que pretendía ser un encontro con técnicos da Xunta e de empresas de agrocombustíbeis con presenza en Galiza, ficou reducido a unha xuntanza con persoal da DX de Cooperación Exterior, xa que ninguén das empresas, de Medio Rural e de Inovación e Industria achou interesante ou importante abondo o convite.

Un deserto de soia

A expansión dos monocultivos de soia no Paraguai comezou en 1.999-2.000, impulsada principalmente por empresas como Cargill e terratenentes chegados do Brasil -desprazados por produtores aínda maiores-, que atoparon no Paraguai terras máis baratas que no seu país de orixe. En 2005-2006 o 63% das terras cultivadas do Paraguai estaban dedicadas a esta leguminosa, sendo transxénica o 95% da produción.

Paraguai é hoxe, así, o cuarto exportador mundial de soia, unha soia transxénica que se dedica, na súa grande maioría (89%) a fariña (coa que se elaboran os pensos cos que se "alimenta" ao noso gando intensivo), mais tamén a aceite (o 7%, para, por exemplo, a fabricación de agrocombustíbeis cos que "alimentar" os nosos automóbeis).

Os monocultivos de soia, intensivos en agrotóxicos e mecanización, sen apenas mao de obra, avanzan acompañados de destrución ambiental e social: deforestación, perda de biodiversidade, polución, expulsión de poboacións labregas e indíxenas… para satisfacer a demanda xerada en lugares como o noso país.

A soia transxénica RR, de Monsanto, é resistente ao herbicida Round-Up Ready (glifosato) da mesma empresa. Tamén é utilizado como herbicida o Paraquat, de Syngenta, produto prohibido na Unión Europea. O resultado: intoxicacións de poboacións labregas enteiras, mesmo con resultado de morte, recén nascidos con hidrocefalia ou tumores…

Sen terra para cultivar os seus alimentos, sen madeira coa que construír as súas vivendas e cociñar, rodeadas por plantacións de soia continuamente fumigadas con agrotóxicos… as poboacións indíxenas e labregas son expulsas dos seus lugares. 90.000 persoas marchan á cidade cada ano e xúntanse en suburbios onde malviven, por exemplo, de vertedoiros. Outros marchan do país. En 2005 eran máis de 300.000 os sen terra, mentres que o 1% da poboación do Paraguai posúe o 77% das terras.

Na fronteira da soia

Neste contexto, na fronteira agrícola da soia transxénica, é onde nasce o MAP (Movimiento Agrario y Popular), porque hai quen decide ficar e resistir, defender a soberanía alimentar. O MAP luita pola vía xurídica (para a que é mui útil a presión cidadá desde Europa), mais tamén ocupando terras. Son xa 500 as hectáreas recuperadas, pero a resistencia ten dura resposta: desaloxos violentos, queima de casas, detencións indiscriminadas (mesmo de nenos, anciáns e mulleres grávidas) máis de 2.000 dirixentes labregos procesados, máis de 30 mortos pola soia en catro anos…

Lamentabelmente, o caso do Paraguai non é a excepción, a produción de soia ten consecuencias semellantes en Brasil ou Arxentina. Noutros lugares do mundo son outros os monocultivos destinados á exportación tamén con gravísimas consecuencias ambientais e sociais, como por exemplo ocorre coa palma de aceite en Colombia e Indonesia.

O 92% da soia importada desde o Estado español ten como destino a fabricación de pensos para vacas, porcos, galiñas… industriais, ou o que é o mesmo: carne, ovos e leite producidos de modo intensivo. As cousas mudarán, e para pior, no caso de que a UE manteña o seu obxectivo do 10% de agrocombustíbeis para 2020, unha demanda que fará avanzar ainda máis a fronteira da soia no Paraguai, e non só.

Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos

Alianza formada en Abril de 2008 por Amarante, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Veterinarios Sen Fronteiras seguindo o mandado do Foro de Nyéléni pola Soberanía Alimentar, celebrado en Sélingué, Mali, en Febreiro de 2007.