Verdegaia quere expresar o seu apoio á denuncia pública feita por Amarante-Setem das detencións irregulares e das agresións e torturas a activistas neste país. Reproducimos a continuación un comunicado desta organización sobre a detención de Boubker El Khamlichi, colaborador da campaña Roupa Limpa, e Wafae Charaf.hamisi

 

 

Nota de Amarante-Setem:

Detencións ilegais en Marrocos de compañeiros da campaña Roupa Limpa.
Este pasado xoves 10 foron detidas en Marrocos o activista Boubker El Khamlichi, que foi posto en liberdade con cargos ao día seguinte, e a activista Wafae Charaf, que segue retida.


Ao parecer a detención e os cargos aos que se enfrontan teñen a súa orixe na súa tarefa pola defensa dos dereitos civís e humanos. A organización Vía Democrática da cal Boubker El Khamlichi é membro fundador denunciou ante instancias internacionais as torturas recibidas pola compañeira de vía Democrática Wafae CHARAF tras ser detida ao remate dunha manifestación. A chegar o caso ás Nacións Unidas o goberno marroquí iniciou unha investigación citando a declarar a Boubker e á compañeira vítima das brutais agresións. Os procesos que provocaron a detención e o xuízo responden á negativa de ambos a declarar.

 

Wafae foi detida tras denunciar que 2 axentes non uniformados a secuestraran, torturaran e abandonaran a 12 km. de Tánxer ao rematar unha manifestación na que participaba o día 27 de Abril nesta cidade.


A Boubker acúsano de inxuria e difamación por ter denunciado publicamente o secuestro policial da vítima. Non se trata dun feito illado nin fortuíto, senón máis ben dun acto policial represivo ben meditado para silenciar todas as voces disidentes e críticas co réxime autoritario de Marrocos.

Lamentabelmente son as ACTIVISTAS NOVAS as que sofren cada vez máis destes criminais métodos de terror policial. Por exemplo, hai apenas 1 ano Adiba Kabbali, coñecida militante de esquerdas na Universidade de Fes foi secuestrada, torturada e violada por ser o que é: muller e militante. Sara Souyar, activista do movemento 20 F foi agredida diante da policía por un mercenario ao servizo do réxime, que lle provocou graves cortes na vaxina e logo marchou como se nada ocorrese.

Á espera de ter noticias do xuízo que esta semana se celebra contra ambos solidarizámonos co compañeiro e coa compañeira e esiximos a súa total liberdade.