Despois de varios meses de reiterar unha e outra vez a nosa solicitude de información en relación á instalación dunha depuradora de mexillón no porto de Castiñeiras (Ribeira), por fin conseguimos que Portos de Galicia nos enviase a documentación do expediente dese proxecto. Non así o Concello de Ribeira, de quen seguimos agardando a chamada para recoller a copia da documentación que, primeiro por rexistro e despois persoalmente e con insistencia, lle foi solicitada.

As irregularidades que nos parecía intuír na tramitación deste proxecto, confírmanse unha vez analizados os documentos recibidos.

Vemos, por exemplo, como unha concesión adxudicada no 2015, e na que se dá un prazo de tres meses para empezar a obrar, mantense -en contra do recollido nas cláusulas da concesión- sen caducar dous anos despois, en 2017, cando a empresa, despois de moitos meses de silencio, retoma a tramitación do proxecto. Esta irregularidade repítese novamente este ano, cando, en abril, Portos de Galicia ameaza con caducar a concesión se no prazo de 10 días non se presenta documentación adicional, para volver enviar outro escrito de apremio, ofrecendo outro prazo de 10 días en setembro do mesmo ano, cinco meses despois de transcorrido o prazo indicado inicialmente para decretar a caducidade da concesión.

No proxecto (que foi informado negativamente tanto polo departamento de urbanismo como polo técnico de Medio Ambiente do concello de Ribeira; así como pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro) chama a atención a ausencia de calquera referencia á caracterización dos vertidos, dos que se di só o volume previsto de vertido de augas procedentes do depurado (fálase dun caudal de descarga previsto de 0,5 litros por segundo cada grupo, como son dous grupos serían 86.400 litros diarios). Cómpre destacar que este volume de vertido estaba previsto no proxecto inicial para a depuración 2.500-3.000 kg de mexillón, e que está a manterse para o proxecto final previsto para a depuración de 18.000 kg diarios de mexillón. Multiplícase por 6 a cifra de mexillón procesado e mantense a cifra de auga utilizada?

Na imaxe pódese apreciar o desmonte realizado no monte do Castro, que provocou a indignación da veciñanza.

Deixando de lado a idoneidade ou non do emprazamento escollido para a instalación, que está provocando o malestar da veciñanza de Castiñeiras (atópase xunto ao parque e as praias de Castiñeiras, con afección de Costas e de Patrimonio, cunha limitación de espazos que os leva a facer desmontes no monte do Castro e recheos enriba da costa…); en Verdegaia pensamos que antes de verter ao mar é preciso indicar que é exactamente o que se vai verter, e botamos de menos unha valoración do posible impacto ambiental dese vertido, así como o preceptivo informe de Augas de Galicia (que tamén lle foi solicitado á empresa desde a oficina de Medio Ambiente do Concello).

Somos conscientes da importancia do sector do mexillón nas nosas rías, e do motor económico que ese sector supón para o desenvolvemento da comarca; pero pensamos que iso non pode xustificar en ningún momento unha “barra libre” por parte das autoridades.

Solicitamos a Augas de Galicia que asuma a súa responsabilidade, e emita o informe sobre este proxecto que no seu día lle foi solicitado por Portos de Galicia e polo Concello de Ribeira. Instamos a ese organismo a que estableza os requisitos para o vertido, e as medidas a tomar para previr posibles accidentes de derrames, habida conta de que se vai manipular cloro. Lembramos que hai poucos anos, nunha instalación similar de Vilanova de Arousa, houbo un vertido de cloro que provocou a mortandade de moitas especies na zona. Non será mellor previr?

Instamos tamén a Portos de Galicia a que os trámites sucesivos que se fagan en relación a este expediente cumpran rigorosamente a lei, esa que se supón que é para todas.