Verdegaia e a Asociación Petón do Lobo vimos de denuciar ante Aguas de Galiza e o Seprona o verquido realizado pola empresa GALICIA TIN & TUNGSTEN SL, titular das concesións de explotación mineira denominadas “Grupo Mineiro Santa Comba”, con centro de operacións en Varilongo (Santa Comba) por realizar traballos de bombeo/achique forzado das plantas inundadas da mina. Estas augas residuais industriais de mina circularían por diferentes canalizacións e balsas ata verterse no rego da Braña Ancha, cara o Sur do punto de bombeo.

As aguas residuais de mina que estarían sendo bombeadas poderían ter estado acumuladas no interior da mina case 30 anos, desde finais dos anos 1980, contendo con toda probabilidade altas concentracións de metais pesados, ao tratarse dunha antiga explotación de minería metálica con importantes cantidades cuxo xacemento contén importantes cantidades de sulfuros (arsenopirita, calcopirita e pirita) xeradores de drenaxes ácidas de
mina, susceptibles de produciren importantes impactos sobre o medio ambiente.

As evidencias visuais da contaminación por metais pesados son claramente perceptibles no transcurso dos 6 km do rego da Braña Ancha desde as instalacións mineiras ata a súa confluencia co Río Xallas. Durante este percurso, e ata a confluencia do Xallas, hai diversos puntos onde se observan precipitados metálicos en prados e canles resultantes das enchentes que as chuvias dos últimos días provocaron en diversos tramos do río.

A actuación da empresa mineira sería realizada en plena época de chuvas para minimizar o risco de detección da elevación da cantidade de metais pesados polo efecto da disolución, salientándose que a empresa non conta con ningún sistema de tratamento que poida eliminar as elevadas concentracións de metais pesados presentes nas augas residuais, unha vez que o sistema de balsas polo que pasa só limitan a cantidade de sólidos en suspensión, e non as especies metálicas en disolución, que por tanto están afectando de forma directa ao ecosistema fluvial.

Estas denuncias veñen sumarse á DENUNCIA PENAL que Verdegaia ten presentado ante a Fiscalía e que esta aceptou a trámite por ver indicios de delicto.

Esta denuncia presentouse ante varios cargos directivos, administrativos e funcionariado de diferentes servizos municipais e da Xunta de Galicia e ante varias empresas con concesións mineiras en Santa Comba.

DELICTO ECOLÓXICO

A inspección realizada por esta Asociación a varias zonas de explotación en Santa Comba apuntou indiciariamente á comisión dun delito ecolóxico pola
realización continuada de verteduras ás augas terrestres que poden perxudicar gravemente o equilibrio dos sistemas naturais. Para a inspección, recorreuse a masa de auga continental denominada “Rego da Braña Ancha” ou “Rego de Carboeiro”, desde a súa confluencia co río Xallas ata a súa nacente nas inmediacións das instalacións mineiras (aproximadamente 6 km). Tomáronse fotografías en puntos, presentando todos eles signos visuais de afección por metais pesados.

Carácter continuado de afección aos cauces fluviais: Máis alá do xa referido recoñecemento da contaminación ás masas de auga próximas, en documentos oficiais como o “Inventario Nacional de Balsas y Escombreras” de 1989 ou no “Inventario de Balsas y Escombreras de la Comunidad Autónoma de Galicia” realizado en 1999, existen evidencias da contaminación continuada. As series de ortofotografía aérea de 1997-2003, 2005 e especialmente 2008 evidencian a contaminación por metais pesados ao resultaren visibles os precipitados metálicos desde o aire.

De todo o anterior dedúcese a posible existencia de delitos contra o medio ambiente asociados ás verteduras e contaminación continuada con drenaxes de mina por parte das empresas titulares dos dereitos mineiros.

DELICTO DE PREVARICACIÓN AMBIENTAL:

Ante a fiscalía presentamos delicto por prevaricación ambiental polos seguintes motivos observados:

  • Omisión de control efectivo por parte da administración hidráulica
  • Omisión do trámite de avaliación ambiental por parte de funcionarios e autoridades do órgano mineiro e ambiental.
  • Consentimento de verteduras continuadas e omisión de control efectivo por parte do órgano mineiro.
  • Outorgamento de Licenza municipal prescindindo do trámite de declaración de incidencia ambiental.