atasco_trnsito.jpgA nova directiva europea de calidade do aire é cualificada como decepcionante por Ecologistas en Acción e como demasiado confusa polo EEB, a federación ecoloxista europea. A nova directiva supón: máis permiso para contaminar, límites de contaminantes menos estritos, prórrogas para os estados infractores e, xa que logo, menos necesidade de aplicar medidas efectivas contra a contaminación do tráfico nas cidades.

O caso máis preocupante é o das partículas en suspensión. Até agora, existen uns valores límite para as partículas en suspensión de tamaño inferior a dez micras (PM10), procedentes en grande medida do tráfico nas cidades, valores obrigatorios a partir de 2005. Nese ano, dous terzos das capitais españolas amosaron xa valores superiores aos permitidos, sen que se poida coñecer cal era a situación nas capitais e no resto das principais cidades galegas, xa que os valores de PM10 só se miden no noso país desde 2007. Ademais, a normativa vixente marcaba unha segunda fase de redución cuns valores obrigatorios máis restritivos a partir de 2010, rebaixándose sustancialmente tanto o valor límite anual permitido (que pasaría de 40 μg/m3 a 20 μg/m3), como o número de superacións permitidas do valor límite diario (50 μg/m3, que pasaría de 35 días permitidos a 7). A nova normativa abandona esta segunda fase, tanto no que atinxe ao  valor límite anual como ao diario. Alén diso, en relación co límite anual actual (40µg/m3) introdúcese a posibilidade de que os países que estean a ter  problemas para o cumprir poidan solicitar unha prórroga de até tres anos. Isto é especialmente grave se consideramos que a evidencia científica dos efectos nocivos das partículas é hoxe aínda maior que cando se propuxeron aqueles límites. Aínda que as cousas poderían ter resultado peor, pois o Parlamento europeo propuxo maiores adiamentos…

No que atinxe ás partículas máis pequenas e máis prexudiciais para a saúde, as inferiores a 2,5 micras (PM2,5), a Organización Mundial da Saúde propón un valor límite anual de 10µg/m3. Segundo o Sistema Europeo de Información sobre Contaminación Atmosférica e Saúde (APHEIS), establecer este valor límite como obrigatorio conlevaría un aforro de 22.000 mortes ao ano en Europa. A UE establece agora por primeira vez un valor límite anual,  mais faino só a título indicativo, fixando un valor de 25 µg/m3, a partir de 2010, cunha marxe de tolerancia dun 20% por riba deste valor, que se reduciría progresivamente até 2015, data en que o valor límite de 25µg/m3 xa sería obrigatorio. Para 2020, a UE propón un valor indicativo de 20µg/m3. Segundo Ecologistas en Acción e o EEB, cumprir estes límites probabelmente non vai supor ningún esforzo adicional do preciso para cumprir cos límites de PM10 (o 60-70% das PM10 son PM2.5).

Outro aspecto criticable é a exención da obriga de medir a contaminación (mais non a de cumprir cos límites obrigatorios) naqueles lugares onde non resida poboación de forma permanente (zonas non habitadas do campo, zonas turísticas sen poboación fixa…), en zonas industriais sobre as que xa se aplique lexislación de protección da saúde e seguridade dos traballadores e traballadoras, ou nas calzadas e zonas centrais das estradas.

370.000 mortes prematuras na UE por mala calidade do aire 

A Estratexia de Calidade do Aire que a Comisión europea aprobou en 2005, cuxo elemento central era esta nova directiva, pretendía reducir, de 370.000 a  220.000 para o ano 2020, o número de persoas que morren cada ano de xeito prematuro por causa da mala calidade do aire. Ecologistas en Acción pregúntase qué sentido ten que as institucións europeas fixen  obxectivos ambiciosos, para logo se someteren aos intereses dos lobbies industriais e do automóbil, virando as costas á saúde da cidadanía e ao medio ambiente. É especialmente vergoñento que a totalidade dos eurodeputados e eurodeputadas españois desen o seu visto e prace a esta directiva.

Máis información:

Web sobre mobilidade sustentable e calidade do aire de Ecologistas en Acción