aveologollada.jpgO vindeiro domingo 7 de outubro, SOS a Groba  organizará un roteiro pola serra mareira mais meridional da Galiza, coa intención de amosar as particulares características prehistóricas, faunísticas, xeolóxicas e florísticas; e a singular beleza de este espazo natural.  A saída do roteiro será as dez na estación de autobuses de Vigo ou as once na plaza de abastos de Sabarís. O roteiro durará todo o día, polo que se recomenda levar auga, comida e algo de conversa.

SOS A Groba é unha asociación creada para a defensa dos valores naturais, arqueolóxicos, culturais e paisaxísticos da Serra da Groba, hoxe ameazada por un proxecto pendente de aprobación pola Consellería de innovación e industria, e realizado por Eurovento, de instalación de parque eólico.

A Plataforma SOS A Groba, da que Verdegaia forma parte, festexa o Día Mundial das Aves o domingo día 7 de outubro coa organización dun roteiro denuncia contra a construcción do parque eólico "Albariño I" se pretende levantar na parte norte da Serra da Groba.

monteolostrozada.jpgComo dixemos, o roteiro comezará en autobús para os residentes en vigo, evitando deste xeito o uso co vehículo privado. Comezaremos camiñando pola beira do río da Groba ate chegar ó seu nacemento (xa a seiscentos metros de alturan s.n.m.) na vertente máis septentrional da Serra, lugar onde se xantará.Despois de xantar, seguirase camiñando, agora pola parte alta da Serra, para comezar o descenso ate o punto de partida a media tarde.

Este roteiro pretende celebrar o Día Mundial das Aves dando a coñecer a grande riqueza avifaunística coa que conta a Serra da Groba na que habitan nove especies de aves incluídas na Directiva Aves da UE a parte doutras moitas incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e pretende informar sobre as graves consecuencias que terá a construcción deste parque eólico nas comunidades orníticas que habitan na zona, feito que vén remarcado no mesmo Estudo de Impacto Ambiental do proxecto do parque.

Aparte de explicacións sobre os valores ornitolóxicos da zona, tamén se informará ós/ás asistentes doutros valores naturais deste espazo natural tais coma as especies de animais catalogadas coma de interese comunitario pola UE (tres de mamíferos e nove de anfibios e réptiles), as numerosas especies de animais incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, os hábitats catalogados coma prioritarios pola UE ("Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Erica ciliaris e E. tetralix", Formacións herbosas con Nardus e "Turbeiras ácidas de esfagnos"), os hábitats catalogados coma de interese comunitario para a UE ("Breixeiras secas", "Vexetación casmofítica de pendentes rochosas. Subtipo silícola" e "Pastos pioneiros en superficies rochosas"), as charcas estacionais de interese que se verían afectadas e a flora, a fauna e os restantes hábitats e ecosistemas que se vaian observando durante a xornada.

Teremos tamén a oportunidade de coñecer outros valores cos que conta a Serra tais coma as mámoas, os petróglifos, os curros ( a Serra constitúe o hábitat da mellor poboación galega de cabalo de monte cunha cabana de 2.500 cabezas de grande riqueza xenética), as numerosas lendas de transmisión oral, a gran calidade ambiental coa que conta este espazo…Este roteiro contará cun guía especializado e durará todo o día polo que cómpre levar comida, bebida e calzado e roupa axeitados.

Máis información: 670 784 919 (Diego)