cartel_cambio_climatico__sghn_y_verdegaia__cartel_yosy__fotos_javier_cristobo.jpgA Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Verdegaia (NC Ferrol) celebran catro actos relacionados directamente co cambio climático: O Sábado, 4 de novembro, ás 19.00h conferencia sobre a “Antártida” a cargo de Javier Cristobo, que viaxou fai uns meses a bordo do Hespérides ás terras frías do sur e que o Luns, 6 de novembro, ás 20.00h nos amosará un vídeo “Antártida, a vida no límite”, realizado por José Antonio Moya da Universidade de Alicante, que describe as dificultades da subsistencia nesa terra. O venres, día 10, ás 20.00h se pasará a película “O pesadelo de Darwin” do director Hubert Sauper, todas elas celebraránse no Ateneo Ferrolán. Finalmente o Sábado, día 11, ás 18.30h na Casa do Peso (As Pontes) Xosé Veiras García de Verdegaia dará unha conferencia sobre o “Centrais térmicas: fábricas de cambio climático”.

 

O sábado, 4 de novembro celébrase en todo o mundo o “Día contra o Cambio Climático”. Esta conmemoración tenta chamar a atención de toda a sociedade sobre un perigo que se está a materializar con moita rapidez e que investigadores de todo o mundo atribúen de maneira especial, aínda que non única, ás emisións incontroladas de gases á atmosfera e que nun moi curto período de tempo desequilibrou os niveis de radiacións que entran e saen da terra, coas conseguintes variacións na temperatura, movementos de correntes etc…

Os desastres naturais que o mundo está a padecer nos últimos anos, quizais non sexan máis cos primeiros síntomas dunha desfeita imparable, con prediccións de aumentos nos niveis dos océanos causados polo desxeo dos polos, chuvias incontroladas e pola contra, secas persistentes e descontrol de pragas de enfermidades, entre outras moitas desgracias que se concatenan unhas coas outras. Todos temos o deber de coñecer cales poden ser as causas que nos levaron a esta situación e até que punto periga a estabilidade do mundo coñecido. Esta conciencia  debería levarnos a premer sobre os gobernos para que afronten o problema, xa que as solucións están nas súas mans por ser as causas de índole industrial na súa maior parte.

Detrás das emisións está o diñeiro e as grandes empresas que tan so a política pode controlar. De pouco serve co cidadán queira mercar vehículos pouco contaminantes se as empresas non os fabrican, pero si podería instar aos gobernos para que exerceran o seu poder no control destas fabricacións e puxeran maior énfase da investigación doutras posibilidades enerxéticas ou traballasen a política forestal con máis sentido ecolóxico do que están a facer, prestando máis atención a manter e fomentar os bosques autóctonos e menos ás plantacións de diñeiro fácil e pronta queima ou tala.

Entender dunha vez por todas que as árbores non se poden cortar arrasando todo o que se atopa, deixando unha terra depredada como si os pés dun xigante pasaran por riba dela. O aproveitamento non deberá ser lesivo para o bosque, e nestes momentos o é, e moito, proporcional á pobreza do país onde se esquilma a madeira.

Cartel DIA CAMBIO CLIMATICO copy.jpg