As figuras de protección da natureza, establecidas na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, non son simples títulos nobiliarios para os nosos espazos naturais máis senlleiros. Son, por riba de todo, mecanismos para asegurar a protección, conservación, restauración e boa xestión dos seus valores naturais, garantindo a súa preservación para as xeneracións futuras.
Porén, tamén deben ser normas eficaces para pular pola sustentabilidade, xa non só ecolóxica, senón tamén social, dos lugares nos que se emprazan, procurando que a súa xestión redunde nun desenvolvemento rural sustentábel, no que a poboación se implique de cheo na súa conservación. Se non se dá esta confluencia e convivencia entre os intereses das poboacións dos espazos protexidos e as actuacións tendentes á súa conservación, dificilmente as figuras de protección da natureza cumprirán o seu cometido.

Entre outras cousas, para que os parque naturais non sexan vistos como "inimigos" dos seus poboadores e poboadoras, como hogano acontece en toda Galicia, a Lei galega de Conservación establece a creación de Xuntas Consultivas que colaboren na súa xestión. Malia que estas teñen unha abusiva presenza gobernativa, de xeito que as súas decisións como órganos colexiados están radicalmente cercenadas, constitúen, a día de hoxe, vieiros para camiñar cara a necesaria transparencia e participación da cidadanía na xestión dos espazos protexidos. Se esta feble -e única- vía de participación non funciona e nin sequera se convocan as súas xuntanzas, o espírito das leis de conservación da natureza fica en papel mollado. Non serven.

No Parque Natural de Corrubedo a Xunta Consultiva non se reúne dende hai máis de tres anos, de xeito que aos propietarios, aos ecoloxistas, aos académicos de universidades e, xa que logo, ás xentes do común que por lei figuran como representantes nela, se lles nega deliberadamente o dereito a participar na xestión, a ser informados das actuacións que se levan a cabo no parque, a colaborar na aprobación dos orzamentos anuais, a coñecer a política de axudas e subvencións, a participar nas iniciativas de formación e educación ambiental, etc. En definitiva, a ser parte do Parque Natural.

Asemade, esta política de afastar a cidadanía da xestión do espazo explica con claridade como na contorna dun parque natural que está a piques de cumprir 20 anos -5 de xuño de 2012-, e logo da "chuvia de millóns" caída coa existencia de numerosos proxectos europeos nese período e a chegada de centos de milleiros de visitantes ao ano, non exista nin un só proxecto sustentábel que conxugue protección da natureza e desenvolvemento local, nin no eido turístico, nin no eido produtivo, nin no eido cultural, nin no eido educativo… Arranxar muros, pechar leiras, repicar fachadas ou remodelar tellados -e mesmo cemiterios e igrexas- pode ser necesario para manter unha estética no parque, mais non parece o prioritario para practicar a ecoloxía social necesaria para sobardar a gravísima crise ambiental e social que padecemos.

Dende as organizacións de protección da natureza galegas esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas do Carregal e Vixán, así como o deseño dunha estratexia efectiva por parte desta, establecendo prioridades na aplicación dos orzamentos para que a conservación da natureza e o desenvolvemento local (e real) sustentábel vaian da man.