Entre os vindeiros días 2 e 5 de Xuño celebrarase en Roma a Conferencia da FAO sobre Alimentación e Mudanzas Climáticas. Organizacións sociais integrantes do IPC (Comité Internacional de Planeamento para a Soberanía Alimentar) veñen de facer pública unha declaración e chamada á acción co gallo desta cimeira que pode ser asinada por aquí por redes e organizacións. O IPC está a organizar, ademais, o Foro Terra Preta, paralelo á Cimeira de Roma. 


 

Declaración da sociedade civil sobre a emerxencia alimentar Mundial

Que non se repitan os "erros de sempre"!

Os gobernos e institucións internacionais son os responsábeis dos erros históricos e sistemáticos

Os gobernos nacionais que se reunirán en Roma durante a Cimeira sobre a Crise dos Alimentos da FAO, deben comezar por aceitar a súa responsabilidade na emerxencia alimentar actual.

Na Cimeira Mundial sobre a Alimentación de 1996, cando se estimaba que 830 millóns de persoas pasaban fame, os gobernos prometeron reducir esa cifra á metade para o 2015. Moitos predín agora que, pola contra, esa cifra aumentará un 50%, até os 1.200 millóns, con maiores problemas derivados do impredicíbel caos climático e das presións adicionais derivadas da produción de agrocombustíbeis.

Ante o colapso das reservas de gando e pesca e os prezos disparados dos alimentos e do combustíbel, requírense novas políticas, prácticas e estruturas para resolver a emerxencia alimentar actual e para previr futuras -e maiores- traxedias. Os gobernos, incluíndo os do Sul do globo, e as organizacións intergobernamentais deben recoñecer agora a súa responsabilidade por aplicar políticas que socavaron a produtividade agrícola e destruíron a seguranza alimentar dos países. Por estas razóns, perderon a lexitimidade e a confianza dos pobos do mundo en que eles poidan realizar os cambios reais, substanciais, necesarios para terminar coa crise de alimentos actual; para salvagardar a dispoñibilidade de alimentos e gando e para enfrontar os desafíos da mudanza do clima.

A emerxencia actual afunde as súas raíces na crise dos alimentos dos anos ‘70, cando algúns gobernos oportunistas da OCDE, aplicando políticas neoliberais, desmantelaron a arquitectura institucional internacional para a alimentación e a agricultura. Esta crise alimentar é o resultado da negación de moitos anos dos gobernos e das organizacións intergobernamentais a respeitar, protexer e cumprir o dereito á alimentación, e da impunidade total para as violacións sistemáticas deste dereito. Adoptaron estratexias políticas de curto prazo que motivaron a neglixencia a respeito da alimentación e a agricultura e propiciaron o escenario da actual emerxencia alimentar.

Como consecuencia, as axencias e programas da ONU e outras institucións internacionais, dominadas por un pequeno grupo de países doadores, están mal dirixidas, son moi ineficaces, competitivas no canto de cooperativas, e incapaces de levar a cabo os seus (conflitivos) mandatos. As políticas de axuste estrutural impostas polo Banco Mundial e o FMI, o acordo da OMC en agricultura e o paradigma do libre comercio minaron economías locais e nacionais, erosionado o medio ambiente e danaron os sistemas locais de alimentación, levándonos á crise alimentar de hoxe.
Iso facilitou o desenvolvemento de oligopolios corporativos e rápidas concentracións empresariais ao longo de toda a cadea alimentar; permitiu a especulación depredadora de mercadorías e o aventurismo financeiro mercantil; e posibilitou que as institucións financeiras internacionais e os programas bilaterais de axuda devasten a produción sustentábel de alimentos e os sistemas de subsistencia.

Movementos sociais e outras organizacións da sociedade civil, reunímonos para establecer unha nova formulación sobre o inoperante sistema global da alimentación. Estamos a desenvolver o seguinte plano de acción global para a alimentación e a agricultura e estariamos dispostos a discutir este plano cos gobernos e organizacións intergobernamentais que asistirán á Cimeira sobre a Alimentación en Roma ("Conferencia de alto nivel sobre a seguranza alimentar mundial: os desafíos do mudanza do clima e da bioenerxía").

Estamos preparados para traballar con gobernos comprometidos e organizacións da ONU que compartan as nosas preocupacións e estexan a traballar para resolver a emerxencia alimentar e desenvolver a soberanía alimentar.

Declaramos o Estado de Emerxencia dos Pobos pola actual crise de alimentos. Nun Estado de Emerxencia, os pobos e os gobernos poden suspender calquera medida lexislativa ou reguladora que poida pór en perigo o Dereito aos Alimentos e pode así mesmo abolir calquera acordo privado que se considere prexudicial para a Soberanía Alimentar. Pódese cancelar calquera medida pública ou privada que restrinxa a capacidade d@s labreg@s e pequenos produtores para obter alimentos domésticos para o mercado. A cancelación da débeda é urxente e necesaria para que o Sul do mundo poida resolver a emerxencia alimentar en curso e inmediata. Cremos que a actual emerxencia alimentar e o presente desafío da mudanza do clima son razóns suficientes para declarar o Estado de Emerxencia.

Facemos un chamamento ao Consello para os Dereitos Humanos e ao Tribunal Internacional de Xustiza para que investigue a responsabilidade nas violacións do Dereito á alimentación e na emerxencia alimentar dos negocios agrícolas, incluíndo os comerciantes de grao e os especuladores de mercadorías. Os altos custos dos insumos agrícolas e os prezos dos alimentos durante a actual emerxencia alimentar débense, en certa medida, aos beneficios históricos dos agro-negocios e ás accións dos especuladores de mercadorías. Deben investigarse os oligopolios e especuladores que operan ao longo da cadea alimentar e débense levar ante a xustiza as sospeitas de comportamentos criminais. O Consello para os Dereitos Humanos da ONU debe asumir as investigacións necesarias. Os gobernos nacionais non deben titubear, onde quera que outros gobernos incumpran as súas obrigas internacionais, en denunciar os abusos ante o Tribunal Internacional de Xustiza. En cada Estado, habería que reforzar as leis anti-cártel e antimonopolio. O Consello dos Dereitos Humanos debe apoiar a gobernos para garantir que as súas políticas públicas respeiten, protexan e promovan o dereito á alimentación adecuada, no contexto da indivisibilidade dos dereitos.

Pedimos un cesamento imediato do desenvolvemento de terras para a produción industrial de agrocombustíbeis para coches, avións e plantas enerxéticas, incluíndo os chamados de biomasa "residual". O súbito e pronunciado aumento da produción industrial a grande escala de agrocombustíbeis ameaza a seguranza alimentar local e global, destrúe os medios de subsistencia, dana o ambiente e constitúe un factor determinante na forte suba dos prezos dos alimentos. Este novo movemento de reservas -que converte as terras forestais, cultivábeis ou para o gando, en producións de combustíbel- debe ser rexeitado. A Cimeira sobre a Alimentación de Roma debería apoiar a proposta do Relator Especial da ONU sobre o Dereito aos Alimentos: unha moratoria de 5 anos para a expansión a grande escala da produción industrial de agrocombustíbeis, co fin de resolver os conflitos coa produción de alimentos, desenvolver normas para a produción de agrocombustíbeis e para avaliar as tecnoloxías propostas para os agrocombustíbeis.

Reclamamos unha nova iniciativa global realmente cooperativa coa que podamos participar do todo no proceso de cambio de políticas e corrección institucional. Non permaneceremos a un lado a ver como os ricos e os incompetentes destrúen as nosas vidas e a nosa terra. Loitaremos pola soberanía alimentar, incluíndo o dereito á comida, pola produción de alimentos sustentábel e por un ambiente san e bioloxicamente diverso. Para lograr este obxectivo:

1. Reclamamos o establecemento dunha Comisión da ONU para a Produción Alimentar, Consumo e Comercio. Esta Comisión debe contar cunha representación substancial de produtores de pequena escala de alimentos e de consumidores marxinados. O Grupo de Traballo da Secretaría Xeral, recentemente reunido, ofrece un signo político claro e benvido de que a emerxencia alimentar transcende as institucións individuais e esixe unha acción global urxente. Contodo, o Grupo de Traballo está dominado polas institucións fracasadas cuxa neglixencia e cuxa política neoliberal criaron a crise. E aqueles que foron prexudicados polos sistemas gobernamentais e intergobernamentais -aqueles a os que debemos alimentar e aqueles que nos alimentan- son novamente excluídos. O Grupo de Traballo debería terminar a súa tarefa ao termo da Cimeira sobre a Alimentación de Roma; e a nova Comisión, global, debe comezar a súa tarefa imediatamente despois.

• Membros: A Comisión deberíase expandir cara ao formato establecido pola Comisión Brundtland hai 20 anos, que abría o camiño para as cimeiras sobre o ambiente posteriores. Ao conformar a Comisión, o Secretario Xeral debería ter en mente os resultados da Avaliación Internacional do Coñecemento Agrícola, Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento (en inglés, IAASTD) cuxo informe recentemente completado foi aprobado por case 60 gobernos , tanto como os resultados do proceso e a Conferencia da FAO sobre a reforma agraria (CIRADR).
• Mandado: O mandato da nova Comisión debe incluír -e obrigarse a- todas as formas de produción alimentar; todos os aspectos -e impedimentos- de alimentos sans, adecuados, razoábeis economicamente e culturalmente apropiados; e unha análise completa da cadea alimentar tendo en conta as condicións climáticas cambiantes. A Comisión debería proporcionar un informe provisional á Asemblea Xeral da ONU e aos grupos dirixentes da FAO, FIDA e PMA para finais de 2008 e entregar o informe final a estas organizacións, con recomendacións, no cuarto final de 2009.

2. Fundamentalmente debemos reestruturar as organizacións multilaterais involucradas na alimentación e a agricultura. Moitas institucións multilaterais relacionadas coa alimentación foron criticadas polos fallos da súa gobernación e o seu programa. É de notar que Avaliacións Independentes Externas (IEE) da FAO e a FIDA expuxeron serios defectos sistémicos. En particular, a Avaliación da FAO mostra que os altos directivos da FAO -aínda que recoñecen a necesidade urxente de cambio- non cren que os gobernos ou a institución sexan quen de promover cambios substanciais. A avaliación de GCIAI (Grupo Consultivo para a Investigación Agrícola Internacional) está en marcha e está a expor grandes erros de gobernación que non se poden resolver dentro do cadro do GCIAI. O ano pasado, o Banco Mundial asumiu unha avaliación interna do seu traballo na agricultura en África, e foi profunda e apropiadamente autocrítica. Isto débese a que a sociedade civil está convencida de que o Grupo de Traballo da Secretaría Xeral debe evoluír cara á Comisión máis ampla apuntada arriba. Para facilitar o traballo da Comisión, a sociedade civil recomenda tres decisións inmediatas:

  • A Cimeira sobre a Alimentación de Roma sobre a Crise dos Alimentos debe aceder a asumir unha meta-avaliación das grandes institucións de alimentación e agricultura (FAO, FIDA, PMA e GCIAI) para finais de 2008.
  • Baseándose nesta meta-avaliación, o orzamento bienal da FAO para as conferencias rexionais debería axustarse para permitir a convocatoria de conferencias rexionais sobre alimentación e agricultura, involucrando igualmente a todas as grandes institucións multilaterais, na primeira metade de 2009. Estas reunións deben asegurar a activa e total participación dos representantes d@s labreg@s e pequen@s produtoræs, gandeir@s e pescadores.
  • Construíndo a partir da meta-avaliación e as conferencias rexionais, a Comisión -para finais do 2009- debe entregar o seu informe incluíndo unha nova arquitectura para o traballo en alimentación e agricultura da ONU.

Aínda que non se realizase a totalidade do proceso arriba descrito, estamos convencidos de que a responsabilidade das políticas e prácticas internacionais relacionadas coa alimentación e a agricultura debe residir nun único axente dentro da comunidade de axencias das Nacións Unidas, no cal debe prevalecer o principio de "unha nación – un voto".

3. Pedimos un cambio local e global de paradigma cara á Soberanía Alimentar. A produción de alimentos e o consumo baséanse fundamentalmente en consideracións locais. A resposta á crise de alimentos actual e ás futuras só é posíbel mediante un cambio de paradigma cara á soberanía alimentar integral. Os/as pequen@s labreg@s, @s gandeir@s, os pescadores, os pobos indíxenas e outros definiron un sistema alimentar baseado no Dereito Humano á Comida adecuada e nas políticas de produción que aumenten a democracia nos sistemas alimentares locais e aseguren a maximización do uso sustentábel dos recursos naturais. A Soberanía Alimentar diríxese a todos os temas sen resolver identificados pola Conferencia Mundial sobre a Alimentación de 1974. Céntrase na comida para os pobos; valora aos provedores de alimentos; localiza os sistemas de alimentos; asegura o control comunitario e colectivo da terra, a auga e a diversidade xenética; honra e constrúe coñecemento e habilidades a nivel local; e traballa coa natureza. A soberanía alimentar é substancialmente distinta das políticas existentes de comercio neoliberal e asistencial dirixidas á "seguranza alimentar" mundial. Estas políticas son exclusivistas, insensíbeis a aqueles que producen a comida; silenciosas sobre onde e como se cultiva ou consome; e demostrouse -desde os 70- o seu fracaso. Os gobernos e institucións internacionais deben respeitar e adoptar a soberanía alimentar.

4. Cremos que o Dereito á Comida está por riba dos acordos comerciais e outras políticas internacionais. Na emerxencia alimentar actual, as negociacións mercantís relacionadas coa comida e a agricultura deben deterse; e debe comezar o traballo para un novo diálogo sobre comercio baixo o auspicio da ONU. As políticas de axuste estrutural impostas polo Banco Mundial e o FMI, o Acordo sobre Agricultura da OMC, e o paradigma do libre comercio socavaron as economías locais e nacionais, erosionaron o ambiente e prexudicaron aos sistemas locais de alimentación, dando como resultado a actual crise dos alimentos. As políticas neoliberais de comercio tamén reforzaron os agro-negocios multinacionais e facilitaron os beneficios imprevistos. O dumping (competencia desleal) de comida e as exportacións a prezos artificialmente baixos destruíron tamén os sistemas locais, e deben terminar. As institucións financeiras internacionais e a OMC forzaron ao Sul global a fechar as xuntas de mercado e a suspender os mecanismos para a estabilización do mercado e as garantías de prezos para os produtores de alimentos. Os gobernos foron forzados a abolir as reservas de alimentos e a eliminar os controles á importación. Así, é necesaria a intervención do Estado no mercado para garantir o dereito á comida e asegurar a produción de alimentos e a economía dos pequenos produtores. Polo tanto, deben terminar as negociacións do TLC, EPA e a OMC sobre o Acordo de Agricultura. Estas negociacións están a danar á grande maioría dos produtores de alimentos. Necesitamos urxentemente un novo achegamento ao comercio internacional de comida e agricultura. Esta formulación débese basear no dereito dos países a decidir o seu nivel de auto-suficiencia e apoio á produción sustentábel para consumo doméstico. As discusións para lograr este novo réxime comercial, baseado nas diversas necesidades dos pobos e as sociedades e na preservación do medio natural, deberían realizarse dentro do sistema da ONU.

5. Insistimos en que o dereito de gobernos a intervir e regular para alcanzar a soberanía alimentar, se articule. Os gobernos nacionais deben tomar a súa responsabilidade, controlar e facer retroceder ás elites e priorizar a produción de comida para o consumo doméstico. Os países deben aumentar o seu nivel de auto-suficiencia en alimentos tanto como poidan e para alcanzalo deben tomarse as seguintes medidas:

  • Respeitar, protexer e cumprir co dereito á alimentación adecuada, entre outros dereitos;
  • Aumentar o orzamento de axuda á produción alimentar baseado n@s labreg@s;
  • Aplicar unha xenuína reforma agraria para dar aceso á terra e a outros recursos produtivos aos/ás labreg@s sen terra e outros grupos vulnerables;
  • Garantir o aceso a créditos aos/ás labreg@s e outros pequenos produtores;
  • Eliminar todas as barreiras que impiden gardar ou intercambiar sementes aos/ás labreg@s e pequenos agricultores entre comunidades, países e continentes;
  • Reforzar a investigación liderada por labreg@s e apoiar a capacidade de construción autónoma;
  • Mellorar as infraestruturas para que os/as labreg@s e pequen@s agricultoræs poidan acceder aos mercados locais;
  • Desenvolver estratexias co(a)s labreg@s e outras organizacións apropiadas para xestionar perigos ou emerxencias específicos;
  • Garantir aos/ás consumidoræs marxinados o aceso á comida doméstica e -se non hai dispoñíbel- a comida traída dos excedentes de rexións veciñas.

6. Rexeitamos os modelos da Revolución Verde. Os tecno-apaños tecnocráticos non son a resposta para a produción sustentábel de alimentos e o desenvolvemento rural.
A agricultura e a pesca industrializadas non son sustentábeis. A Avaliación Internacional do Coñecemento Agrícola, Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento (IAASTD) mostra claramente a necesidade dun grande cambio no modelo actual de investigación e desenvolvemento. Este informe mostra que os gobernos (Sul e Norte) abandonaron a vontade e traxicamente a agricultura e o desenvolvemento rural, especialmente a agricultura de pequena escala e a pesca artesanal, desde a última crise global dos alimentos. Esta actitude parece que vai mudando en tanto que a emerxencia actual se desprega. Contodo, o novo interese na agricultura permanece fundamentalmente erróneo, pois algunhas fundacións privadas de EUA, xunto con agro-negocios globais, están a presionar aos gobernos nacionais e aos sistemas de investigación internacional para que sigan a chamada "revolución verde" en África e en todos os lugares; baseándose en apaños tecnolóxicos rápidos e políticas de mercado fracasadas, máis que en decisións de política social. Os gobernos, as institucións de investigación e outros doadores deben aprender deste estudo; mudar a dirección e apoiar as producións de cultivos sustentábeis de pequena escala e de gandaría e pesca, en base ás necesidades expresadas polas comunidades locais. Os programas liderados por labreg@s/pescadores conducirán a unha auto-suficiencia local e nacional. Especificamente, os gobernos que asisten ao Terceiro Forum de Alto Nivel sobre a Efectividade da Axuda en Ghana, en Setembro, deberían rexeitar os modelos filantro-capitalistas dunha nova revolución verde e deberían reafirmar o papel central dos pobos e gobernos en establecer a política e o sistema práctico para o seu desenvolvemento.

7. Apoiamos unha estratexia global para a conservación e un uso sustentábel da biodiversidade agrícola que priorice a participación dos pequenos agricultores, gandeiros e pescadores. A diversidade biolóxica na agricultura é un requisito previo para asegurar as provisións de alimentos. A enorme perda de diversidade, o uso de OMX e as patentes de sementes e xenes fan que a produción de alimentos sexa vulnerábel. Para apoiar aos pequenos agricultores que desenvolven sistemas de produción resistentes e biodiversos, debemos traballar xuntos para salvagardar os agro-ecosistemas, as especies e a diversidade xenética que pode adaptarse na granxa a novos desafíos como a mudanza do clima. A Cimeira sobre a Alimentación de Roma debería alentar aos gobernos, á FAO, á Convención sobre Biodiversidade e á Fundación para a Diversidade Global de Cultivos, a proporcionar un apoio financeiro masivo e imediato, in-situ e na granxa, á conservación e mellora de cultivos e gando, liderada por labreg@s.

8. Participaremos no desenvolvemento dunha estratexia integral local/global para respostar á mudanza do clima. A mudanza do clima está xa causando grandes perdas na produción de alimentos e está a devastar as vidas de millóns de persoas mesmo a dos emigrantes. O futuro é incerto, pero a maioría de estudos indican que a mudanza do clima será máis prexudicial para os pobos e sistemas alimentares dos países tropicais e subtropicais que para os países de clima tépedo. Hai unha necesidade urxente de cortar coa emisión de gases con efeito invernadoiro polo menos un 80% para 2030.

Isto é principalmente responsabilidade dos países industrializados. O Sul do globo tamén debe adoptar políticas e prácticas diferentes para a produción de enerxía. En agricultura, o modelo industrial de altos insumos de combustíbel para a produción e o transporte é unha causa principal das emisións de CO2. O desenvolvemento da produción alimentar labrega sustentábel baseada nos recursos locais é unha solución chave para reducir esas emisións. Ademais, en calquer caso, os países industriais contaminantes deben aceptar responsabilidades pola destrución do noso medio natural e dos sistemas alimentares, e o deben compensar a un nivel non menor a un 1% do seu PIB anual -que permitiría axudar a aliviar o dano e o desenvolvemento máis a fondo de sistemas sustentábeis e adaptábeis de produción de alimentos e enerxía.

Os movementos sociais e outras organizacións da sociedade civil quen son preparados activamente para seguir a axenda que describimos, a niveis local, nacional e global, son invitados asinar esta Declaración.

Máis información

Esta declaración foi elaborada polos membros do CIP, Comité Internacional de Planificación para a Soberanía Alimentar. O CIP é un mecanismo facilitador na cal os movementos sociais internacionais e as organizacións traballan en conxunto no tema da soberanía alimentar; entre outras; ROPPA, WFFP, Vía Campesina e mais movementos e ONGs en todas as rexións. O CIP coordena o Foro paralelo á Cimeira Alimentar da FAO en Roma.