Tras a denuncia presentada pola Comisión Europea o pasado mes de xullo, a Sala Oitava do Tribunal Superior de Xustiza Europeo vén de condenar ao Reino de España por incumprimento da Directiva de Depuración de Augas Residuais. En concreto a sentenza condena a falla dun sistema de colectores axeitado e a ausencia de tratamento secundario ou proceso equivalente en aglomeracións de máis de 15.000 habitantes. O prazo para adaptarse á citada directiva rematou o 31 de decembro de 2000. Entre as poboacións que incumpren esta directiva destacan as dúas maiores cidades galegas como son A Coruña e Vigo, a capital Santiago,  e mais Baiona, Noia, Tui, Cariño e Aguiño-Carreira -Ribeira.

Vigo

Actualmente a ría de Vigo, un dos ecosistemas mariños máis ricos do mundo, ten un grave problema de contaminación por causas urbanas, industriais e de construción de infraestruturas portuarias, cuxa orixe está en todos os concellos da Ría e, sobre todo, na cidade e no porto de Vigo.

A depuradora do Lagares verte cada día ao mar 166 millóns de litros con carga contaminante. Deles, 46 non reciben ningún tipo de tratamento e os outros 120 van cargados de bacterias coliformes. Isto en condicións climatolóxicas normais e ausencia de choivas, no caso contrario a situación agrávase. Segundo estudos realizados polos propios técnicos da Xunta, no Lagares sempre se superaron os límites legais, no 100% das ocasións. O problema da contaminación provocou unha sentenza da Unión Europea en decembro de 2005 por incumprimento das obrigacións derivadas do artigo 5 da Directiva 79/923/CEE, de 30 de outubro de 1979, relativa á calidade esixida nas augas para a cría de moluscos.

Ante a alarma social creada polos niveis tan altos de contaminación na ría  e o convencemento de que a depuradora do Lagares é incapaz de xestionar o volume de residuos que recibe e gran parte dos cales acaban na Ría sen tratamento algún, decidiuse a construción dunha nova depuradora no mesmo emprazamento cun orzamento de 238 millóns de euros.

O anteproxecto da nova macrodepuradora non vai solucionar o  problema senón que persiste en manter e amplificar os mesmos erros e deficiencias técnicas da anterior Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Non se considera a actuación en redes separativas (pluviais, domésticas e industriais) deixando o tratamento de augas pluviais de lado por ser considerado de alto custo económico. Non toman en conta a enorme incidencia da meteoroloxía. Persisten na irracionalidade na localización do novo emisario submarino (o sistema de vertedura mediante emisario submarino localízase dentro da Ría, na súa cara sur, cando debera colocarse pola cara norte e máis aló das Cíes). Non hai unha análise seria do problema das augas industriais xa que a maior parte das empresas existentes en Vigo non teñen tratamento previo e verten ilegalmente á rede de saneamento e, desde esta, ao mar. Tendo en conta que esta é unha depuradora biolóxica, e  que os criterios polos que se pode verter á rede de sumidoiros está deseñada para augas urbanas e non industriais, moitas industrias soltan á ría  augas cargadas de praguicidas, metais pesados, dioxinas, organoclorados, etc.

Nin a actual EDAR nin a nova EDAR do Lagares van garantir o obxectivo de bo estado das augas de superficie, todo o contrario. Isto afectaría ao marisqueo e á pesca, e tería graves consecuencias ambientais, sociais e económicas nunha comarca densamente poboada e fortemente ligada, por tradición e necesidade, aos recursos mariños.

A Coruña

A caso da Coruña mellorou levemente xa que a nova estación depuradora entrou en funcionamento en decembro. Mais a situación de contaminación actual da Ría do Burgo debido a décadas de verquidos sen depurar constitúe un verdadeiro risco para a saúde e afecta á calidade das augas de baños  e a areais como as praias de Santa Cristina e as Xubias, así como unha importante degradación medioambiental. Diversas empresas como matadoiros, fábricas de xabón, aceites e fertilizantes, situadas nas proximidades da ría verquen indiscriminadamente os seus residuos sen tratamento e con coñecemento das autoridades locais e da cidadanía.

Compostela

A depuradora de Compostela construíuse no ano 1977 e ao pouco tempo xa non era quen de depurar todo o caudal que recibía. Hoxe verque o 40 % das augas sen depurar, porcentaxe que se incrementa en días de choiva. Xa a principio dos 90 anunciouse a construción dunha nova depuradora mais a abril de 2011 pouco máis se sabe do tema.

Tui

No caso de Tui, a depuradora de Guillarei, da que se espera que sanee a canle do río Louro, estivo case catro anos parada por falta de coordinación entre as distintas administracións.  Recibe os residuos de parte dos veciños de Salceda, Mos, O Porriño e Tui.  Neste momento aínda non está completada a conexión de todos os veciños nen empresas dos concellos á depuradora, polo que segue a haber verquidos directos das empresas e dos veciños e o río segue contaminado.

Optimización da xestión das augas residuais

En definitiva, un panorama de desleixo, incompetencia e estulticia administrativa e mala fe empresarial. Dende Verdegaia esiximos a depuración de responsabilidades políticas e administrativas perante a actual situación e a persecución con todo o peso da lei dos verquidos ilegais realizados por empresas ou particulares.

Así mesmo, esiximos a posta en marcha inmediata de políticas de optimización da xestión de augas residuais mediante medidas que contemplen a separación en orixe das augas residuais industriais e as domésticas, e tratamento in situ das primeiras, a reutilización da auga para rega, limpeza e usos industriais, o emprego de técnicas depurativas que permitan aproveitar os subprodutos xerados no proceso da depuración (lamas, biogás…) e separación de augas pluviais das residuais para non comprometer o proceso de depuración nos momentos de sobrecarga.

Cumpre apostar polo establecemento de sistemas descentralizados de depuración en vez de grandes EDAR para garantir a maior depuración posible en caso de avaría dalgunha parte do sistema, reducir os custos de infraestruturas e bombeo no caso de se precisar, así como minimizar os impactos ambientais e sociais. Á hora de escoller entre diversos sistemas de depuración primarase o baixo consumo enerxético e a menor complexidade tecnolóxica.

A depuración das augas residuais debe ser unha prioridade

Pouco futuro ambiental ten un país que desbalde milleiros de millóns de euros en AVEs a Madrid, Cidades da Cultura, quilómetros de autovías innecesarias, portos exteriores duplicados e ampliacións de aeroportos triplicados namentres as necesidades básicas como a depuración das augas residuais semellan un peza máis no aquelarre de acusacións, ocultacións e desidia á que nos ten acostumados grande parte da clase política.