O Consello da Cultura Galega, baixo a coordenación do catedrático de Edafoloxía Francisco Díaz-Fierros, organizou un debate entre expertos sobre cuestións ecolóxicas e incendios forestais en Galicia. Véñense de facer públicas as conclusións dese debate celebrado o 9 de febreiro pasado en Santiago, ao que Verdegaia foi convidada a participar.

O debate sobre cuestións ecolóxicas e silvícolas organizado polo Consello da Cultura Galega, o primeiro dunha serie de tres baixo o título “Por unha nova cultura forestal fronte aos incendios”, pretende ser unha achega máis ao debate social sobre o problema dos lumes forestais, neste caso a través das conclusións dun grupo de expertos que participaron nunha xornada de reflexión a título individual. No decurso do debate púxose de manifesto que tamén entre expertos entran en xogo distintas visións sociopolíticas, como non pode ser doutro xeito, pois hai diferentes opcións en materia de política forestal e non unha soa que sexa “a” tecnicamente correcta. Porén, chegouse a algúns consensos, como reflite o resumo das conclusións que a continuación reproducimos:

“1. Para a toma de decisións fronte a un incendio resulta esencial coñecer a relación entre o lume e a meteoroloxía e dispoñer dun sistema de avaliación e de predición do nivel de risco aos que está exposto cada territorio. Os modelos de prevención deben rexistrar variables climatolóxicas, mais tamén deben ter en conta variables mixtas como a compoñente sociolóxica e o histórico de incendios. Asemade, deben ser constantemente actualizados e adaptados ao momento e ao lugar. No contexto das tarefas de extinción, resulta tamén prioritario dispor da predición do comportamento do lume que mellore a eficacia dos medios de loita e a seguridade dos combatentes e as persoas ameazadas.

2. A existencia dunha ou outra especie nunha zona concreta non é tan determinante para o número e intensidade dos lumes coma a forma en que se xestionen esas extensións de monte, os usos que se lles dean, e a relación que teña a sociedade con eles. A clave está no abandono, na ruptura do vínculo do medio rural co monte. De calquera xeito a diversificación de especies e uso é na actualidade algo moi recomendable e non só dende unha óptica ecolóxica senón tamén económica.

3. Tendo en conta a estrutura da propiedade do monte existente en Galicia, con máis de 600.000 propietarios particulares, calquera medida de prevención, reforestación ou conservación debe ter en conta a estas persoas. E ter en conta que o monte debe ser rendible, para que os seus propietarios se impliquen na súa defensa. Os poderes públicos deben planificar, ordenar, e, nas superficies nas que ten competencia (montes de titularidade pública, montes de xestión pública, montes veciñais…) actuar directamente.

4. Varios dos expertos amósanse moi críticos coas políticas de reforestación, ás que acusan de ser simples “parches”, en lugar de constituír unha verdadeira política de ordenación.

5. A paisaxe ten unha compoñente subxectiva, mais tamén unha parte obxectiva: de riqueza natural, de biodiversidade. Cando o lume arrasa un terreo, as perdas de solo poden ser irreversibles. Se se produce unha erosión por enriba das taxas de formación do terreo, acádase unha degradación permanente do ecosistema. Os lumes repetidos con moita frecuencia e intensidade reducen a biodiversidade e pola súa acción as paisaxes tenden a simplificarse.

6. O actual debate sobre a nova lei do sector eléctrico pode ser fundamental para o monte galego. Se se aposta pola enerxía verde, a través de compensacións económicas ou outros procedementos, podería facer moi rendibles as empresas de produción eléctrica a partir de biomasa. A importancia deste proceso é, sobre todo, que esta modalidade de produción eléctrica parte dunha actividade económica preferentemente rural cuxos beneficios poderían reverter nestas zonas.

7. A silvicultura é un elemento clave, en conxunción coa ordenación do territorio, para a prevención dos lumes e a mitigación do seu impacto. Mediante a diversificación de especies e a expansión das caducifolias e tamén mediante o control dos elementos combustibles existentes no monte, a través de labores silvícolas preventivas específicas, actividades tradicionais (silvopastoreo), uso da biomasa para a produción de enerxía, ou de queimas prescritas realizadas por equipos preparados.

8. Os desbroces non deben ser abusivos e debe desbotarse a utilización da palabra “limpeza” (que suporía a eliminación de algo inútil) para as intervencións no control do mato. O mato é algo propio e mesmo necesario, do ecosistema forestal atlántico. Na prevención do risco de incendios débese acadar un equilibrio entre a redución da biomasa combustible e a integridade do sistema. A vexetación do sotobosque e os restos vexetais son clave no mantemento do ecosistema, fertilidade do solo e a retención de humidade.

9. As medidas de conservación do medio despois do incendio deben recibir máis interese por parte das diferentes administracións e teñen que supor medidas que atendan mesmo a toma de conciencia por parte da poboación como as intervencións directas sobre o medio. Neste caso, débense articular medidas de urxencia (nos meses seguinte ao lume) a curto prazo (no ano seguinte) e a máis longo prazo.

10.É absolutamente necesario contar cun organismo que sexa capaz de xestionar e de unificar todo o relacionado coa política de conservación do medio natural. Unha institución que coordine as actuacións levadas a cabo polas distintas administracións, que aúne criterios e que poida facer fronte ás accións necesarias para organizar a restauración e recuperación das áreas queimadas”.

Desde a web do Consello da Cultura Galega (ver ligazón máis abaixo) pódese descargar un completo informe  sobre o desenvolvemento do debate. Ademais, o informe inclúe un glosario sobre termos relacionados cos lumes e dous relatorios: “Impacto de los incendios sobre suelo y vegetación forestales en Galicia y desarrollo de una selvicultura preventiva” (de José A. Vega Hidalgo, do Centro de Información e Investigación Forestal da Xunta) e “Estudio de balance hídrico y viento. Comparación del año 2006 con años anteriores” (de Raquel Cruz Guerrero e María de los Ángeles Lago Núñez, de Meteogalicia).

Informe do debate sobre incendios e cuestións ecolóxicas e silvícolas organizado polo Consello da Cultura Galega