Afección do actual campo de fútbol de Sar en estado de abandonoOnte á tarde, a cúpula directiva de Urbanismo do concello de Compostela deixou os despachos de Raxoi e calzou as catiuscas para percorrer as Brañas do Sar cunha delegación de Verdegaia. O obxectivo era coñecer de primeira man as actuacións previstas polo concello no Plan Especial das Brañas do Sar, ao que Verdegaia vén de apresentar o seu documento de participación pública, e sinalar por parte do colectivo ecoloxista os impactos que entende se van derivar do planeamento que se pretende aprobar.

Por diante, o noso agradecemento e parabéns á concelleira de Urbanismo e Educación, Mercedes Rosón, e á xerenta da área de Urbanismo do concello, Berta Rosón, por teren accedido a esta visita, e teren baixado ao terreo real do proxecto. 

O encontro veu evidenciar distintos e distantes pareceres entre Verdegaia e o concello ao respecto da ordenación e xestión futura do espazo natural das Brañas do Sar.

Por unha parte, o concello considera as actuacións previstas no plano especial coma exemplo dunha correcta xestión ambiental dun espazo coma as brañas e, de feito, amosou enerxicamente a súa sorpresa pola reacción de Verdegaia. Basea os seus argumentos na baza das expropiacións previstas no plano e outras actuacións coma a creación dun viveiro ou a rehabilitación de elementos patrimoniais que supoñen, dende o seu punto de vista, unha aposta pola recuperación dun espazo urbano [sic] como son estas brañas.

Verdegaia, partindo do común acordo de que as Brañas do Sar son un espazo natural xa moi degradado que precisa dun proceso de recuperación, foi indicando as súas obxeccións ao proxecto, principalmente:

– Incoherencia entre a memoria biolóxica e as actuacións recollidas no plano especial. A memoria de información biolóxica anexada ao documento do plano especial describe con certo detalle a existencia de hábitats e especies presentes nas brañas para os que sinala un bo feixe de medidas de recuperación e conservación; mais as actuacións previstas no plano non fan referencia algunha a estas medidas imprescindíbeis para evitar a desaparición do espazo e os seus valores naturais.

– Construción dos edificios do CSIC. Por norma xeral, a construción de equipamentos para a investigación resulta un feito moi positivo, porén, estamos seguros que pode haber outras parcelas na cidade sen ter que chantar este complexo xusto nos terreos máis produtivos das Brañas de Sar, avanzando na súa urbanización, ocupación de habitats e impermeabilización do chan. Non sería máis acaido que estes departamentos ocupasen parte dalgún dos edificios da Cidade da Cultura, onde se previra inicialmente?

– Avenidas, rúas e bloques de vivendas.
O plano especial recolle unha avenida que corta as brañas de Norte a Sul para comunicar a Cidade da Cultura e o Multiusos coa rotonda da Pontepedriña. Tamén fala de outras rúas e estradas, e a indicación de urbanizar con vivendas as actuais leiras das brañas pola parte de Picaños e as Santas Mariñas. O concello responde que estas actuacións non están estritamente no ámbito delimitado polo plano especial e que caen noutros polígonos, mais a realidade é que o documento municipal, no canto de recomendar a preservación destes espazos lindeiros que aínda son das brañas, fai todo o contrario, recomendando a construción neles de rúas e edificios.

– Conversión do actual campo de fútbol.
Hoxe, lamentabelmente, non é máis que unha enorme plataforma de entullos, pedregullo e áridos estériles que vai desde xusto a beira do río até o noiro do camiño de ferro, totalmente descoidado e con multíplices incumprimentos legais. Ao entender de Verdegaia tiña de ser retirado integralmente para recuperar un dos habitats higrófilos protexidos máis interesantes do espazo; porén, o concello opina que mudando a orientación do campo e engadindo máis canchas, edificios, vestiarios, o aparcadoiro e as estradas de acceso, podería considerarse igualmente como parte natural do espazo. Evidentemente non poderiamos estar máis en desacordo.

– Ausencia de indicacións concretas de recuperación e conservación. Á pregunta de que actuacións se van realizar para a recuperación da flora e a fauna, a descontaminación do río e o chan, depuración de augas, etc. responde o concello que eses pormenores non se contemplan neste nível, e que haberá que definilos posteriormente. Sorpréndenos, e por tanto expresamos as correspondentes queixas, que este documento se estenda a recomendar construír avenidas e edificios fóra do ámbito estrito do plan (aínda que sobre o espazo natural real) e que non dea indicación algunha sobre as actuacións de recuperación e conservación.

– Exención da AAE. En todo isto pode ter moito a ver a armadilla legal pola que se esquivou o obrigatorio proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica que a asociación ecoloxista leva reclamando por diferentes vías administrativas, incluída a alegación que se vén de apresentar.

– Finamente, falamos da necesidade dun plan de educación e participación ambiental para a posta en valor do espazo. Dende Verdegaia consideramos que este espazo senlleiro precisa dunha decidida aposta pola educación e a participación ambiental como estratexia para a súa posta en valor por parte da cidadanía; un documento como o plano especial, se ben é certo que non ten por que especificar os pormenores dun programa educativo ou as características dun proceso participativo, si pode constituír a porta para a posterior posta en marcha de iniciativas como estas, imprescindibles para a verdadeira conservación dos espazos naturais. Neste senso entregouse hai uns meses ás concellarías de Participación, Educación, Urbanismo e Ambiente unha proposta concreta de programa ao respecto, da que non se tivo aínda resposta.

Verdegaia insiste na extraordinaria oportunidade histórica que pode significar a recuperación das Brañas, como un exemplo ao mundo de recurso natural e vida dentro da cidade.