Comparativa 2018 - Cartaz

Comparativa Transportes

Coincidindo coa Semana europea da mobilidade, que este ano ten por lema “Combina e móvete”, Verdegaia organizou unha comparativa de medios de transporte, coa finalidade de determinar, con datos facilmente contrastables, cal é o medio máis eficiente para moverse pola cidade.

Na comparativa os seis medios de transporte empregados (coche, moto, autobús, bicicleta, bicicleta eléctrica e camiñando) percorreron un itinerario entre puntos representativos dos quefaceres cotiáns de calquera persoa nun día laboral (Praza América, Estación de trens de Urzáiz, Teatro García Barbón e Estación marítima).

Cos datos recollidos durante a proba é posible analizar o comportamento de cada medio segundo diversos parámetros:

Tempo empregado: a bicicleta, a bici eléctrica e a moto foron as únicas que completaron o percorrido en menos de 30 minutos. Se nas dúas primeiras etapas os tres vehículos fixeron tempos semellantes, na última, polo centro da cidade, as bicicletas foron claramente máis rápidas.  O coche que a pesar de alcanzar maior velocidade punta en certos tramos, como subindo Gran Vía dende praza América, perde competitividade á hora de atopar aparcamento e finalmente tardou prácticamente o mesmo tempo que o desprazamento camiñando. O medio de trasnporte máis lento foi o autobús debido ao elevado tempo de espera nas paradas e ás obras en varias das rúas polas que transitou.

Custe monetario: camiñar foi obviamente o medio máis barato seguido pola bici e a bici eléctrica (amortización do vehículo). Entre os medios motorizados referir que o desprazamento en moto foi máis barato que o do coche porque o coche necesitou recorrer aos parkings. O autobús, mesmo utilizando a tarxeta PassVigo subvencionada polo concello foi o medio de transporte máis caro.

Contaminación atmosférica e acústica: Os vehículos motorizados volven a suspender neste aspecto, responsables pola meirande parte da contaminación no eido urbano, móstranse como medios claramente insustentables e pouco respectuosos tanto co medio natural como co social.

A maior parte da poboación galega vive en contornas urbanas e metropolitanas, onde o tráfico é o principal responsable das elevadas concentracións de gases (principalmente NO2 e O3) e partículas (PM10) causantes de numerosas mortes prematuras, algo que asociado aos efectos neurolóxicos derivados da contaminación acústica torna o eido urbano nun ambiente sumamente agresivo.

A propia Comisión Europea, dinamizadora da Semana europea da mobilidade, establece como obxectivo primordial a progresiva substitución da utilización dos en vehículos privados motorizados por outros máis respectuosos co medio ambiente e o medio social.

Promover formas de mobilidade máis respectuosas co medio, seguras e saúdables (como camiñar, pedalear ou utilizar o transporte colectivo) e desincentivar o uso dos vehículos privados motorizados por todo o que leva implícito (contaminación, ocupación espacial na cidade, accidentalidade, estrés) serían opcións racionais das administracións para ofrecer á cidadanía formas máis eficientes e sustentables para moverse pola cidade.

Nesta ligazón podes ver as taboas utilizadas para a comparativa: https://app.box.com/s/6d359wbsay5wq5u4ecsy9hcrlbusnj83