arton17462-564cb.jpg"A Política Común de Pesca (PCP) da Unión Europea a debate. Claves para un modelo de xestión pesqueira con futuro" é un documento de Ecoloxistas en Acción e Verdegaia no que se aborda a grave situación da pesca en Europa e se dan claves como unha aposta pola pesca artesanal, a redución da capacidade de pesca, o achegamento do xestor e o produtor ou unha xestión que analice e garanta uns ecosistemas mariños sans e en equilibrio.

Así mesmo, as organizacións ecoloxistas solicitan responsabilidade aos políticos de toda Europa xa que a reforma da Política Común de Pesca (PCP) é unha oportunidade de reverter a situación de deterioración do mar e a pesca e tomar medidas sensatas e de futuro.

O documento, que foi presentado o 2 de maio pasado na Torre de Hércules, avoga por unha mudanza de rumo na PCP da Unión Europea (UE) e atribúe  o fracaso da política pesqueira actual á sobreindustrialización e sobrecapacidade da frota, aos fallos no seguimento e control pesqueiro, á xestión pesqueira de costas ao ecosistema, aos fallos de comercialización na frota litoral, á pesca ilegal, á distancia do xestor ao produtor e á pouca selectividade.

A política común de pesca actual entrou en vigor no ano 2002, deixando un panorama desolador que necesita mudanzas efectivas, urxentes e de futuro. Os datos son claros, segundo recoñece o propio libro verde para a reforma da PCP: máis do 80% dos stocks están sobreexplotados, un 30% deles por debaixo do límite de seguridade biolóxica, e as ¾ partes do peixe que compramos na UE procede de importacións. O peixe que capturamos nas nosas augas pertence, na súa gran maioría, ao estadio xuvenil, e os pescadores apenas poden cubrir os gastos da súa actividade por non poder competir cos produtos importados.

As organizacións ecoloxistas solicitan que a nova política se basee en dous piares que se crearon hai tempo pero que foron ignorados completamente na PCP 2002: o principio de precaución (FAO, 1995) e o enfoque ecosistémico que permita un bo estado dos nosos mares (Directiva Marco da Estratexia Mariña). Se estes preceptos se cumprisen, podería terse evitado a situación actual e o sector non estaría en crise, pero aínda estamos a tempo de frear a tendencia a converter os nosos mares en desertos e a actividade pesqueira en lenda.

Agora entramos nun proceso de reforma para ter unha nova Política Pesqueira Comunitaria (PPC) no ano 2013, que integre outras políticas que afectan ao medio mariño, que actualice as directivas, regulamentos e outras regulacións para sintonizar as leis nacionais coas comunitarias, e que sexa capaz de reverter a situación actual dos caladoiros cara a unha nova que permita a pesca sustentable a longo prazo nun ambiente mariño saudable.

Ecoloxistas en Acción e Verdegaia traballan en varios procesos con mariñeiros artesanais para conseguir unha alternativa real e que se demostre que o cambio de modelo é posible. Reclamamos Plans de Xestión a longo prazo, baseados en:

-Estudos e recomendacións científicas. Non é aceptable que as cotas de pesca que se poñen en vigor se rexan maioritariamente segundo criterios políticos. O mellor e máis recente exemplo témolo na pesqueira do atún vermello, no que as decisións políticas dos últimos 10 anos tomadas na Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT, nas súas siglas en inglés) desprezaron as recomendacións do seu propio comité científico, deixando a poboación ao bordo do colapso.

-Participación dos diferentes actores sociais. Débese facilitar a coxestión de espazos mariños e de certos recursos á frota de baixura mediante reservas mariñas de interese pesqueiro. Por outro lado, débese facilitar a participación da frota non soamente mediante organizacións pesqueiras senón por representantes de métodos de pesca.

-Control do esforzo pesqueiro.

-Visión ecosistémica. Débese avanzar substancialmente nunha xestión dos diferentes ecosistemas mariños presentes nas rexións mariñas con interese pesqueiro. Coñecendo e tendo en conta os factores que garanten o equilibrio, a saúde e a conservación da biodiversidade destas rexións, así como a dependencia e interrelación dunhas poboacións sobre outras.

-Débense rexionalizar os plans, co fin de permitir a correcta determinación dos diversos factores que entran en xogo na xestión pesqueira.

Documento:

pdf A PCP a debate.Chaves para un modelo de xestión pesqueira con futuro

Máis información:

 Reclaman á UE medidas urxentes para xerar unha pesca sustentable.

 Decepcionante conferencia na Coruña sobre o futuro da PCP.