Lumes webAntes de nada queremos agradecerche o teu apoio nesta campaña dende os colectivos e persoas que nos temos sumado á Plataforma contra a Lei de Depredación.

Temos unha agardada pero mala nova que darche:

Antonte, día 17, o Parlamento Galego ben de aprobar a Lei de Depredación de Galiza co engañoso nome de Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais. Fixérono no mesmo pleno no que o Presidente da Xunta negouse a dar contas pola xestión da vaga de lumes destes días, cunha tramitación express e nun contexto especialmente delicado para o país.

É isto unha sorpresa? Non, por desgraza non o é cando sistematicamente a maioría absoluta é empregada para pasar por riba de calquera debate, argumentación, diálogo ou matiz que contraveña a visión do país que manexa o PPdG dende o Goberno. Ante isto, que facer? Calar? Deixar estar as cousas? Rendernos?

Hai unha liña persistente que atravesa a historia da maioría de gobernantes que soportou Galiza nos últimos 200 anos. Porén, hai á vez outras caras dese tempo que tamén se escribe nas loitas disidentes feitas dende abaixo: as do século XIX polo mantemento dos comunais, as do agrarismo, a resistencia aos proxectos forestais do franquismo, a dignidade tantas veces demostrada polas mulleres labregas, a creación de alternativas socias, políticas, sindicais, etc. Se hai unha corrente de poder que enfía a nosa historia recente, tamén hai outra de resistencias que nos conecta co pasado e o futuro. Calar sería entregarlles a palabra. Nun contexto de maioría absoluta, a nosa non pode ser só a lóxica dos tempos parlamentarios, coa que queren ademais xogar ao despiste.

Imaxinas unha Galiza sen oposición, sen colectivos críticos, sectores sociais mobilizados, veciñanza na defensa ante certos proxectos ou intereses? Imaxinas que non existise unha voz alternativa e a posibilidade de facela audíbel? Esa debe ser a Galiza ideal dalgúns, pero non a nosa. Por iso, mesmo que eles aproben leis, temos a responsabilidade da esperanza. Non nos deixaremos roubar a voz, as ideas, o espazo público, a comunidade, a alegría disidente

Porque esta Lei supón acelerar o proceso de deterioro do noso rural, facilitando a extensión dun modelo industrial extractivo que lonxe de fixar poboación, a expulsa.

Porque esta Lei prima os grandes intereses económicos fronte aos das poboacións locais, privatizando recursos comúns e socializando custes e danos.

Porque cando esta Lei fala de retirar trabas a actividade económica está a falar dos escasos mecanismos de protección legal que hoxe existen a nivel social e ambiental fronte aos grandes proxectos industriais.

Porque aínda que desprecen todo o que non sexa a súa visión, si hai alternativas sustentábeis para un rural vivo e un territorio coidado.

Porque esta Lei afonda nunhas cantas causas que están detrás dos lumes que ano tras ano padecemos non fará senón empeorar a situación.

Porque fan da mentira lei.

Porque esta Lei é en definitiva terrorismo ambiental.

Galiza di non á Lei de Depredación!

Vémonos o domingo 22 ás 12h na Alameda de Compostela.