O río Xallas é o único río que desemboca cunha fervenza no mar de todo o litoral europeo, a de Ézaro, ademais de contar coa presenza do segundo bosque atlántico máis grande da provincia da Coruña e tamén o máis occidental de Europa, a Devesa de Anllares, nas inmediacións do Pindo. Estas cualidades deberían abondar para consideralo un patrimonio de altísimo valor natural e, xa que logo, dotalo de todas as medidas de recuperación e protección precisas para conservar as súas singulares características. Lamentabelmente a situación é a contraria. A fervenza de Ézaro pódese contemplar agora unicamente ás once da noite durante o mes de agosto, cando Ferroatlántica abre as comportas do encoro de Sta. Uxía, deturpada por 40.000 vatios de iluminación fornecida por electricidade extraída dos propios encoros do Xallas, que están na raíz da súa destrución.

O río Xallas é o río que sofre maior explotación hidroeléctrica de toda a Confederación Galicia-Costa, con catro centrais que suman 139 MW e dous encoros, o de Fervenza e o de Santa Uxía. A construción deste último supuxo a eliminación da Fervenza do Ézaro. Actualmente, están en trámite de resolución as alegacións presentadas (entre elas as de Verdegaia) contra os proxectos de construción de 3 novas centrais hidroeléctricas neste río, solicitados por Ferroatlántica, sobre as que a Consellería de Medio Ambiente xa declarou (sen ter rematado o prazo de alegacións) que practicamente non existe rasquizo legal para prohibir a súa execución aínda recoñecendo a súa non idoneidade para unha bacía sobreexplotada.

Así, atopámonos cunha situación aberrante na que:

Unha empresa, Ferroatlántica, con sede en Madrid, convértese de feito en dona absoluta dun río, patrimonio común de todas e todos, até destruílo como tal e convertelo nunha simple canle de auga para producir electricidade, que pagamos todas, incluída unha prima por ser renovábel.

1.  Esa explotación do río supón, entre outros danos, a eliminación dunha fervenza única en Europa que, alén do seu valor natural, ten unhas unhas claras potencialidades para o desenvolvemento económico da comarca.

2.  Tras moitas negociacións, no ano 2000, Ferroatlántica “amabelmente” acepta abrir as comportas para que corra a fervenza de 12:00 a 14:00 durante o mes de agosto. Manuel Fraga acude a “inaugurar” a fervenza converténdose no primeiro mandatario do mundo que inaugura un accidente xeográfico.

3.  Este ano, o alcalde de Dumbría negociou para que esta apertura sexa ás once da noite, para fornecer un espectáculo de luces e auga, que tamén se inaugura o pasado sábado. Segundo mandatario en inaugurar o mesmo accidente xeográfico.

5.  A Deputación de A Coruña, non Ferroatlántica, é a encargada de pagar os focos e unha pasarela para que “o turismo” poida ver mellor o espectáculo (70.000 euros) a través do Plano de Dinamización da Costa da Morte. O Presidente da Diputación (terceiro mandatario en inaugurar o mesmo accidente xeográfico) calificou o evento como un “referente turístico galego”.

Verdegaia fica estupefacta ante tal cúmulo de irresponsabilidades e desprezos polo patrimonio natural e pola cidadanía usufructuaria do mesmo, e demanda a adopción urxente das seguintes medidas:

1.  Denegar a autorización para a construción das 3 novas centrais proxectadas e o inicio dos trámites para reverter as concesións das que están en funcionamento.

2.  Recuperación da fervenza do Xallas co seu caudal axeitado en función da época do ano mentres non se revirtan as concesións hidráulicas.

3.  O investimento dos cartos públicos en proxectos que supoñan un verdadeiro desenvolvemento económico para a comarca, sempre baseados en criterios de sustentabilidade.

4.  A integración inmediata da sustentabilidade como parámetro principal en todas as actuacións e proxectos das administracións públicas e fornecer a formación suficiente neste campo ás autoridades públicas para evitar cometer actuacións tan aberrantes como as realizadas en torno ao río Xallas.