Como é ben coñecido, o río Sil está máis que cheo de centrais e minicentrais. Unha delas é Santo Estevo, que está en plena Ribeira Sacra ourensá. Como tamén é sabido, Iberdrola ultimamente está moi empeñada en facer novas explotacións hidroeléctricas por toda esta zona (só hai que lembrar a que quería facer en Caxide, Parada de Sil).  O 30 de novembro saíu publicada no BOP de Ourense a solicitude desta empresa para facer unha nova central independente pero interrelacionada con Santo Estevo, chamada consecuentemente Santo Estevo II.  Como a outra, estaría no concello de Nogueira de Ramuín, aproximadamente a oito quilómetros máis abaixo da desembocadura do Sil no río Miño.
 

Desta volta Iberdrola o que quere facer é furar o macizo granítico da marxe esquerda do río Sil, facer unha caverna e os quilómetros de túneles correspondentes para colocar a central de turbinaxe dentro da caverna. A auga recolleríase case ó lado da toma do encoro de Santo Estevo, levaríase polas tuberías dentro dos túneles ata a central, turbinaríase e volveríase botar ó río Sil máis adiante outra vez por tuberías por túneles no macizo granítico

No mesmo documento do anteproxecto que presenta Iberdrola, di que o obxectivo fundamental, á parte do evidente (producir enerxía eléctrica), é contribuír á “laminación de las avenidas del río Sil”. Verdegaia considera unha burla á intelixencia considerar que o feito de laminar un río poida ser un obxectivo, xa que normalmente iso supón a morte da biodiversidade e da mesma beleza do río.

Por suposto, á parte da obra centrada estritamente na central, teriamos un aumento e creación de novos accesos, que no mesmo documento se explica que serán permanentes, non soamente estarían os 4 ou 5 anos de obras que se calculan.

Aínda que poida parecer que o feito de facer unha central soterrada puidese axudar a minimizar posteriormente o impacto visual, é evidente que pórse a furar un macizo granítico como as ladeiras da Ribeira Sacra para facer con formigón unha caverna e nin se sabe cantos quilómetros de túneles supón un impacto absolutamente brutal nunha zona cun interese paisaxístico tan grande como é todo o Canón do Sil, á parte da afección á flora e á fauna tanto nas obras como posteriormente, xa que é imposible deixar un macizo granítico e a súa flora (consecuentemente a fauna que alí vive) igual que estaba.

Verdegaia cre que xa é hora de comezar a protexer os tesouros naturais que ten Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, no Canón do Sil e en moitas outras zonas e concas de ríos da provincia, e de que o criterio de explotación de lugares como este deixen de ser as explotacións tradicionais non sustentables, xa que hai moitas posibilidades de futuro desde un punto de vista de desenvolvemento sustentable. É hora de que vexamos que o benestar e a riqueza poden ser realmente sostibles e socialmente xustos.