cartazcaravana.jpgA día de hoxe a saúde da Ría de Vigo está sendo gravemente agredida e ameazada: verquidos contaminantes, depuradoras deficitarias, aterramentos, plans de urbanización insostíbeis, portos deportivos sen control,… que danan letalmente as praias, outros ecosistemas da ría e os seus recursos, a pesca e o marisqueo. A.C. A Revolta, A.C. Caleidoskopio, Adega, Bouzas Móvete, Foro Social de Cangas, GAS, Luita Verde, OAR Redondela, Salvemos Monteferro, Verdegaia e Voces polo Litoral de Teis convocan para este sábado 2 de decembro, unha caravana en defensa da Ría de Vigo, percorrendo 15 puntos negros. Sairase ás 10:00 da praia de Patos, para chegar ás 14:00 ao xantar popular en Punta Salgueirón (cadaquén levará a súa comida)

Principais Puntos Negros da Ría

ria15puntos.jpg

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

1.Monteferro é o último espazo natural costeiro da
banda sur da Ría de Vigo. Xa moi deteriorado, vese ameazado ademais, desde o ano 2005, por un delirante proxecto de vial (auspiciado pola Alcaldía e a Deputación, coa conivencia da Comunidade de Montes) que circunvalaría todo o contorno, urbanizándoo con
toda sorte de aparcamentos, beirarrúas, muros de
contención, miradoiros, etc. En maio foron presentadas no Concello 9.575 firmas en contra de esta actuación.

2.Porto deportivo de Canido. Proxecto que pretende construír un imenso portos deportivo que conlevaría un aterramento de aproximadamente 30.000 m2.

3. Depuradora do Lagares, Constitúe un importante foco de contaminación no espazo natural da Xunqueira do Lagares e toda a ría. Estímase que está a depurar un 50% do que debería, non o fai cos aceites. Sen falar do cheiro.

4.Bouzas. Ampliaríase o recheo en 80.500 m2 con
840.000 m3 de escombros e un dragado de 630.000 m3
para facer unha nova terminal de contentores.(E o Porto
Seco???) Construción dunha Macro-depuradora e unha praia artificial, toneladas de area verquidas a ría regularmente, na cara Oeste do Macro-recheo. Ademais este proxecto incluiría un oleoduto dende o Porto até o Porto seco de Salvaterra.

5.Urbanización da Laxe e ampliación do Porto de Cruceiros de Vigo. Un enorme alongamento do peirao, non xustificado, para o tránsito de cruceiros, sendo isto apenas unha escusa para executar unha grande operación especulativa no que o proxecto estrela é a construción dun enorme aparcadoiro de barcos, tamén chamado porto deportivo. A construción dun hotel e un aparcadoiro de carros no peirao ratifica a privatización de facto do litoral nas zonas supostamente cedidas aos cidadáns. Isto é abrir Vigo ao mar ou poñer novas barreiras.

6. O mar da Ría en Teis, fúndese co Monte de A Guia
configurando desde sempre unha paisaxe de gran beleza,
ameazada na actualidade pola afectación portuaria dalgunhas das súas praias. A privatización da costa da ETEA , a construcción dun porto deportivo ilegal (Punta Lagoa), cun espigón de 235 m e un recheo de máis de 27.000 m2, supuxo a destrucción dun banco marisqueiro de navalla e longueirón. Ademais, edificárons ilegalmente naves industriais e outras instalacións, moitas delas xa con orde de derrubo, impedindo tamén a construcción do paseo peonil proxectado polo Ministerio de Medio Ambiente. Nunha Democracia as autoridades políticas -locais ou doutro nivel-, están para defender o ben común, pero se as autoridades calan ou non definen con precisión, os seus criterios políticos en materia de Medio Ambiente como é neste caso, son cómplices dunha desfeita ecolóxica.

7,8,9,10,11. A Enseada de San Simón, espazo protexido a nivel europeo, corre graves riscos. Verquidos industriais, depuardoras que non depurar, aterramentos, oleoductos,… Entre outros ameazan seriamente o equilibrio da que fora unha rica zona en recursos e biodiversidade.

 12. En Domaio, as ampliacións da zona portuario-deportiva e do parque acuícola de Loitamar, ameazan con saturar e alterar máis o espazo e a dinámica mariña na zona, ó que se suma a presenza de feito das naves de conxelados de Fandicosta e o varadeiro de reparación de barcos existentes no extremo de Rande, ocupando territorio e contaminando a nivel acústico e por verquidos, dentro do espazo Rede Natura da Enseada de
San Simón.

13. En Moaña, a depuradora municipal malia ser de nova construcción, xa tivo varios problemas de
depuración, o saneamento non é integral, segue habendo vertidos puntuais ó longo da costa moañesa e por engadido no seu momento por motivos políticos e de aforro económico se instalou un colector submariño pola enseada de Meira, afectando a marisma e os seus recursos marisqueiros. Asimesmo as urbanizacións propostas nas fincas do Real e Concepción Arenal, torres de edificios incluídas, ó que se suma nas proximidades a ampliación do porto deportivo recén construido, ameazan con destrozar as únecas áreas verdes e patrimoniais de valor existentes na fachada marítima do centro urbano despois da febre urbanizadora e de recheos dos anos oitenta e noventa do século pasado ata a actualidade. No monte do Ramil, na tamén moañesa costa de Tirán, especúlase outra urbanización dentro dun área natural salvaxe integrada dentro dos 200 metros de protección de Solo Rústico de Costas. Todas estas urbanizacións están incluídas como convenios dentro dun PXOM, que en xeral prevé duplicar a edificabilidade actual do concello, promovendo unha explosión demográfica e residencial tal que ameazacon impactar máis negativamente no conxunto do seu territorio e en particular na súa xa de por si agredida franxa costeira (incluída a zona industrial do Cocho- Latón, existente dende hai décadas en Meira á beira da ría).

14. En Cangas lévase moitos anos preparando unha
especulación sistemática e masiva, 5.000.000 m2 usurpados aos veciñ@s en Aldán e 200.000 m2 da antiga factoría de Massó son os "pelotazos" máis salientables, pero a "venda" de Cangas é moito máis ambiciosa aínda. A reacción popular paralizou o primeiro intento de levar a cabo un PXOM aberrante, pero os poderes económicos atacaron de novo atraveso do proxecto do porto deportivo no Salguierón e a urbanización de luxo aparellada, asinada por Norman Foster.
Este ataque é un paso máis no desmantelamento da pesca de baixura e o marisqueo, coa oferta dun utópico desenvolvemento turístico, que non é máis que especulación encuberta.

A pesares das ilegalidades manifestas do proxecto, as
administracións póñense do lado dos poderes económicos e só a resistencia veciñal impide a consumación dos feitos. APOIA A LOITA DE MASSÓ. A DEFENSA DA RÍA É A DEFENSA DO NOSO
FUTURO.

15. Nas Illas Cíes proxéctase duplicar o tamaño do porto de Rodas para fomentar o turismo masivo no maltratado "Parque Nacional”

Cartaz da convocatoria