6. DEZ EIXOS DE ACCIÓN PARA UNHA GALICIA SUSTENTÁBEL

A continuación salientamos dez eixos de acción que teñen que ver principalmente, aínda que non só, coa dimensión ambiental do desenvolvemento sustentábel e que propomos sexan incorporados á EGDS. A incidencia da nosa proposta en aspectos relacionados principalmente co pilar ambiental da EGDS ten que ver co ámbito de traballo de Verdegaia. Non supón unha desconsideración dos outros dous pilares indispensábeis da sustentabilidade, o económico e o social,  tal e como se reflite na nosa forma de entender a sustentabilidade e na visión dunha Galicia sustentábel.

Os eixos que presentamos agrupan e sintetizan a maioría das nosas propostas, chamando a atención sobre as que consideramos máis relevantes. Xa que logo non inclúen todas as accións que consideramos necesarias e viábeis, cuxa formulación non é o obxectivo deste documento. É preciso considerar tamén que accións chave encadradas nun eixo poden ter que ver con outros eixos polo que a proposta debe ser lida en conxunto.

Cinco dos eixos inciden sobre áreas temáticas: actuar fronte ao cambio climático, implantar unha nova cultura do territorio, impulsar a xestión sustentábel dos recursos naturais, facer unha reconversión ecolóxica do transporte e promover unha saúde pública de calidade. Os outros cinco están relacionados con instrumentos de aplicación transversal: xerar empregos verdes, realizar unha avaliación ambiental rigorosa, aplicar instrumentos de mercado, garantir a aplicación da lexislación ambiental e fomentar a educación para a sustentabilidade.

6.1 ACTUAR FRONTE AO CAMBIO CLIMÁTICO

A redución progresiva das emisións galegas que causan o cambio climático permitirá, ao mesmo tempo, reducir o noso elevado déficit ecolóxico e mellorar o estado xeral do medio ambiente en Galicia. Alén diso, e como sinala a Estratexia Europea de Desenvolvemento Sustentábel (EEDS), a loita contra o cambio climático “proporciona oportunidades socioeconónicas importantes, contribuíndo para atenuar outras tendencias de carácter non sustentábel”, por exemplo, a través da redución do consumo enerxético e do desenvolvemento das enerxías limpas.

Actuar fronte ao cambio climático, o maior desafío ao que se enfronta a Humanidade neste século, é, por riba de todo, unha obriga ética e legal. Aínda que xa constitúe unha ameaza real para as xeracións actuais, non podemos esquecer que serían as xeracións futuras e os habitantes dos países empobrecidos as máis prexudicadas por un cambio climático de dimensións catastróficas que aínda estamos a tempo de evitar. A comunidade científica asegura que os efectos previsíbeis do cambio climático, tanto a nivel do planeta como da Península Ibérica e de Galicia, serán, en termos globais, moi negativos. A biodiversidade, a saúde humana, as actividades económicas están ameazadas polo cambio climático.

Os custos de contribuírmos desde Galicia, na medida das nosas responsabilidades, ao esforzo global de mitigar o cambio climático, son inferiores aos custos de sufrírmolo e aos múltiples beneficios derivados da redución das emisións que o provocan.

Para diminuírmos significativamente as nosas emisións son precisos cambios estruturais profundos. É especialmente importante  reducirmos o consumo de enerxía,  renunciarmos á xeración eléctrica con carbón e avanzarmos cara a un modelo de transporte sustentábel.  O recurso á enerxía nuclear é  innecesario e indesexábel, polo que debe ser rexeitado.

 

Accións chave

  • Fixar obxectivos cuantitativos de redución das emisións galegas causantes do cambio climático, para todos os gases e en todos os sectores. Na liña do demandado polas principais organizacións ecoloxistas a nivel europeo e mais pola comunidade científica, propomos un obxectivo global de redución do 30% para o ano 2020, e do 80% para o ano 2050, a respecto dos niveis de 1990, tomando en consideración que as emisións por habitante do noso país son superiores ás emisións medias española e europea.
  • Demandar perante o Goberno central que os sucesivos Planos de Asignación de Dereitos de Emisión de CO2 sexan cada vez máis restritivos coas centrais térmicas de carbón, en particular coas galegas das Pontes e de Meirama, que a partir de 2008 só empregarán carbón de importación. Asemade, demandarase que as asignacións ás futuras centrais de gas natural (Sabón e As Pontes) sexan acordes cos devanditos obxectivos galegos de redución de emisións e, a nivel europeo, que se inclúa a curto prazo o sector da alúmina-aluminio entre os participantes no comercio de emisións.
  • Establecer un Programa de Aforro e Eficiencia Enerxética que fixe obxectivos cuantitativos de redución do consumo enerxético en todos os sectores, cun obxectivo de redución total do 30% no horizonte de aplicación da Estratexia.
  • Desenvolver un ambicioso Programa de Fomento das Enerxías Renovábeis, con especial atención á solar, a éolica e á biomasa, orientado por tres criterios principais: aproveitamento o máis descentralizado posíbel, minimización dos impactos sobre o territorio, maximización dos beneficios socioeconómicos para a sociedade galega.
  • Implementar un Programa de adaptación ao cambio climático. 

 

6.2 IMPLANTAR UNHA NOVA CULTURA DO TERRITORIO

O territorio é, ademais de patrimonio e ben común, referencia identitaria,…,  un recurso limitado e esencial para o benestar.  A xestión prudente do territorio é fundamental para a sustentabilidade. Como sinala o Observatorio da Sostibilidade en España, “a consecución do equilibrio do territorio é prioritario para facer un uso sustentábel do capital natural e os seus recursos con cohesión social e eficiencia económica”.

É urxente implantar unha nova cultura do territorio en chave de sustentabilidade integral, nas súas vertentes ambiental, social e económica. Unha cultura da sustentabilidade territorial que poña límites á artificialización irreversíbel do territorio (urbanización difusa, proliferación de infraestruturas de transporte por estrada,…), procure a adecuación dos usos do solo ás súas aptitudes, non destrúa as nosas mellores paisaxes, free a especulación inmobiliaria, facilite o acceso a unha vivenda digna e adecuada, mellore a habitabilidade de cidades, vilas e aldeas e reduza a demanda de transporte motorizado, xerando proximidade. 

A nova cultura do territorio, xunto coa xestión sustentábel dos recursos naturais, contribuirá ao obxectivo adoptado no Cumio sobre Desenvolvemento Sustentábel (Johannesburg, 2002) de “reducir significativamente a perda de biodiversidade antes de 2010”.

A continuidade do excesivo protagonismo económico que ten o sector da construción en Galicia e en España de cara ao futuro sería, sen dúbida, un forte obstáculo para o progreso cara a sustentabilidade. É preciso desvencellar o desenvolvemento económico do crecemento do sector da construción, e reorientar o modelo económico para lle dar maior protagonismo a outros sectores con menor impacto ambiental e máis intensivos na xeración de emprego.

 

Accións chave

  • Aprobar en 2007 unhas Directrices xerais de ordenamento do territorio e un Plano de ordenamento do territorio baixo a lóxica da sustentabilidade, aos que se deberán axustar os Planos Xerais de Ordenamento Municipal (PXOM).
  • Protexer de forma efectiva os terreos de titularidade pública. Para iso, atinxirase a delimitación completa do dominio público hidráulico nas bacías de competencia autonómica antes do 2015. Demandarase ao Goberno central que faga o mesmo nas bacías que sexan da súa competencia, así como que complete a delimitación do dominio público marítimo-terrestre antes do 2010.
  • Promover unha Estratexia de xestión integrada do litoral que procure o seu uso sustentábel, coordenando todas as políticas que inflúen sobre a zona costeira. Esta estratexia deberá entrar en vigor en 2008.
  • Crear unha rede completa e ben xestionada de espazos naturais de protección especial terrestres e mariños (parques naturais, reservas naturais, paisaxes protexidas, etc) unida por corredores ecolóxicos, que inclúa todos os espazos integrados na Rede Natura 2000. A rede cubrirá o 10% do territorio no 2010 e o 30% no 2020. As súas normas de xestión impedirán a execución de proxectos que son ambientalmente incompatíbeis nestes espazos: estradas de alta capacidade, industrias contaminantes, parques eólicos, encoros, canteiras, usos agroforestais moi impactantes,….
  • Revisar en 2007 os Planos sectoriais eólico, hidroeléctrico e de piscifactorías e aprobar un mineiro, que establezan zonas de exclusión e criterios xerais para a redución do impacto ambiental.

6.3 IMPULSAR A XESTIÓN SUSTENTÁBEL DOS RECURSOS NATURAIS