3. COMO É A GALICIA QUE QUEREMOS?

De acordo co concepto de sustentabilidade que defendemos, a Galicia que queremos desde a asociación ecoloxista Verdegaia, a visión da Galicia que debería perseguir a Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentábel (EGDS), tería estas cinco características principais: con menos déficit ecolóxico, ecoeficiente e limpa, cun territorio ben coidado, socialmente xusta e economicamente próspera.

-CON MENOS DÉFICIT ECOLÓXICO. O déficit ecolóxico dun país defínese como a diferenza entre a superficie que se estima precisa para producir os recursos que consome e asimilar os residuos que xera, é dicir, a súa pegada ecolóxica, e a superficie propia, a súa capacidade de carga. A nosa pegada ecolóxica é de 17,1 millóns de hectáreas, o que, tendo en conta que a superficie galega é de 3,04 millóns de hectáreas, supón un exceso de demanda de 14 millóns de hectáreas[7]. Para sustentar o estilo de vida e o modo de produción dun país coma o noso, no suposto de que se xeralizase a todos os países do mundo, farían falla 3 planetas como a Terra.

2

Podería ser aceptábel que Galicia tivese un certo déficit ecolóxico, ao se tratar dun país densamente poboado e carente dalgúns recursos que debe importar, mais o noso déficit ecolóxico actual é moi alto e debe reducirse progresivamente, ao igual que o doutros países do chamado Primeiro Mundo. Isto implica o rexeitamento dunha Galicia consumista e produtivista que “exporte insustentabilidade”.

-ECOEFICIENTE E LIMPA. Unha Galicia que produza, transporte mercadorías e persoas, consuma enerxía e auga, de forma eficiente, tirando a máxima produtividade posíbel dos recursos naturais. Unha Galicia que minimice a xeración de residuos sólidos, de emisións á atmosfera e de augas residuais. Cunha calidade alta das augas mariñas e continentais e da atmosfera, sen contaminación acústica, sen solos contaminados, para garantir un ambiente saudábel para as persoas e propicio para as actividades económicas máis dependentes da calidade do ambiente. Un país desnuclearizado capaz de atender a súa demanda enerxética con renovábeis.

CUN TERRITORIO BEN COIDADO E RICA EN BIODIVERSIDADE. Unha Galicia que non maltrate o seu territorio, no que éste se use a favor dunha elevada calidade de vida dos seus habitantes e de forma que se conserve e recupere a biodiversidade (diversidade xenética, de especies, de hábitats). Na que tamén haxa xustiza interespecífica. Un país sen urbanización dispersa e incontrolada, cun medio rural vivo, sen a praga dos lumes forestais, con cidades e vilas máis habitábeis, co seu rico patrimonio natural e cultural preservado e valorizado. Unha Galicia libre de transxénicos.

 3 

-SOCIALMENTE XUSTA. Unha Galicia sen pobreza, con emprego de calidade e con bos servizos públicos (educación, sanidade, transporte, atención á infancia e aos maiores,…). Con igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Que teña tamén en conta os intereses das xeracións futuras. Unha Galicia sen desigualdades territoriais internas que demande cohesión territorial a nivel español e europeo. E que contribúa a unhas relacións Norte-Sur xustas, a través das políticas públicas (económica, de cooperación, de inmigración,…), dos hábitos de consumo e das actividades económicas, incluídas as de empresas de capital galego no exterior. 

-ECONOMICAMENTE PRÓSPERA.  Unha Galicia que mellore a súa calidade de vida  sen dar lugar á deterioración ambiental (tanto dentro como fóra das súas fronteiras), capaz de aproveitar plenamente o seu capital natural dentro dos límites da sustentabilidade ecolóxica e en beneficio propio. Unha país aberto aos intercambios económicos co resto do mundo, mais que dea prioridade á produción e ao consumo locais e á diminución da súa dependencia enerxética externa (petróleo, gas natural, carbón). Que mellore a súa competitividade sen degradar as condicións ambientais e sociais,  incrementando a produtividade no uso dos recursos naturais. Unha Galicia innovadora e cunha forte penetración das tecnoloxías da información e a comunicación.