pdf Descarga o documento completo

 

SUMARIO

 

1. Introdución…………………………………………………………………………….1

2. De que falamos cando falamos de sustentabilidade?…………………………2

3. Como é a Galicia que queremos?………………………………………………...3   

4. A insustentabilidade da Galicia de hoxe ………………………………………..4

5. Unha Estratexia de Desenolvemento Sustentábel para Galicia…………….5

6. Dez eixos de acción para unha Galicia sustentábel…………………………..6

7. Referencias …………………………………………………………………………..7

 

1. INTRODUCIÓN

Este documento de posición da asociación ecoloxista Verdegaia pretende ser unha achega ao debate sobre a sustentabilidade en Galicia, en concreto ao debate arredor da Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentábel (EGDS) que, segundo anunciou a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, encóntrase en proceso de elaboración. Este documento enmárcase na liña de traballo de Verdegaia de combinar a formulación de propostas coa presentación de críticas e de denuncias.

Presentámolo como unha proposta para a discusión coa cidadanía e coas institucións, co desexo de contrastar posicións e de suscitar unha discusión enriquecedora para toda a sociedade e útil para o avance cara a unha Galicia sustentábel. Unha das virtudes dos procesos de elaboración de estratexias para a sustentabilidade é precisamente o seu carácter de procesos de aprendizaxe colectiva a través da reflexión e o debate.

En beneficio da claridade conceptual, comezamos o documento explicando qué entendemos nós, como ecoloxistas comprometidos coa sustentabilidade ambiental, a equidade social e a paz, por desenvolvemento sustentábel ou sustentabilidade (preferimos éste último termo, aínda que neste documento utilizamos ambos como sinónimos). A partir da nosa interpretación da sustentabilidade,  expomos como sería a Galicia que queremos, a Galicia cara a que, ao noso xuízo, habería que avanzar coa EGDS nas próximas dúas ou tres décadas. Un país que sería moi diferente ao actual, país que queremos deixar retratado, de forma sinxela, con algúns indicadores de sustentabilidade. É importante ter en mente o punto de partida, a realidade desde a que parte a EGDS, a realidade que ésta debe contribuír a transformar.

Os capítulos 5 e 6 do documento conteñen a parte máis propositiva. No 5 expomos como cremos que debería ser a EGDS  para se converter nunha ferramenta decisiva para mudar a realidade,  e non ser unha iniciativa gobernamental máis condenada a quedar en papel mollado, pensada máis para "facer que se fai" que para promover cambios.  No capítulo 6, relativo ao contido da estratexia, salientamos dez eixos de acción, con cadansúas accións chave.

Para nós este é un documento aberto, que queremos mellorar coa colaboración doutras organizacións sociais, de políticos, de técnicos das Administracións, de científicos e, en xeral, de calquera cidadán ou cidadá. Por iso, agradecemos o envío de comentarios a esta proposta. Pódense dirixir ao apartado de correos 49 de Santiago de Compostela (CP 15780) ou ao enderezo de correo electrónico info@verdegaia.org.