A empresa NORFOR, do Grupo ENCE, perdeu definitivamente no 7 de xaneiro pasado a certificación FSC para algo máis de 11.000 hectáreas de montes que xestiona no norte de España, maioritariamente ocupadas por eucaliptais e situadas  en Galicia. Verdegaia felicítase por esta decisión, mais lamenta que teña chegado tan tarde, xusto no comezo do ano no que ía caducar o certificado.  Esta decisión é froito do traballo de seguemento e presión desenvolvido por diversas organizacións ecoloxistas nos últimos anos, entre elas Verdegaia.

O proceso de certificación de NORFOR exemplifica como, en demasiadas ocasións, o selo FSC (Forest Stewardship Council) é concedido aos xestores forestais de xeito non xustificado. Os Servizos de Acreditación (ASI) do propio FSC Internacional, que actuaron logo das queixas ecoloxistas, recoñeceron que NORFOR obtivo en outubro de 2004 o certificado FSC de forma irregular. A exasperante lentitude de FSC á hora de investigar as denuncias ecoloxistas de incumprimentos dos seus principios e criterios en montes certificados, a falta de rigor e de exhaustividade das auditorías realizadas pola empresa SGS (acreditada por FSC e contratada directamente por NORFOR) e os xenerosos prazos outorgados a NORFOR para corrixir as deficiencias máis evidentes, fixeron posible que NORFOR conservase o seu certificado FSC até xuño do ano pasado, cando foi suspendido. Finalmente, o certificado foi cancelado en xaneiro pasado, no comezo do ano no que ía caducar (o prazo de vixencia de cada certificado é de cinco anos), por incumprir un  criterio referido á diversidade nas plantacións.

Verdegaia participou en varias consultas públicas das auditorías de seguemento da xestión de NORFOR realizadas por SGS e por ASI, achegando por escrito diversos comentarios e participando nunha reunión entre auditores de ASI e organizacións ecoloxistas. Asemade, presentou alegacións contrarias á solicitude de NORFOR dunha derrogación temporal da prohibición FSC de uso do pesticida flufenoxuron, empregado para combater a praga do escarabello Gonipterus scutellatus nos eucaliptais. A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e Greenpeace tamén realizaron un intenso labor de seguemento e denuncia do certificado de NORFOR, traballo que foi apoiado por moitas outras organizacións, entre elas a Federación Ecoloxista Galega (FEG), Ecologistas en Acción, ADEGA ou  WWF/Adena.

Verdegaia deixou de apoiar o selo FSC

Verdegaia deixou de apoiar o sistema FSC no ano pasado, ao constatar que en moitas ocasións non garante unha xestión dos montes  autenticamente sustentable e que non vai introducir a curto prazo as reformas necesarias para fortalecer a súa credibilidade. FSC é un sistema de certificación claramente preferible ao PFEC (Programme for the Endorsement of Forest Certification schemes), o sistema  que mantén o certificado de "xestión sustentable" ás plantacións de NORFOR. Os Estándares españois para a certificación forestal FSC son unha boa guía para unha xestión forestal sustentable. Porén, FSC hoxe non garante que os principios e criterios que promove sexan aplicados axeitadamente nos montes certificados.

Con motivo da Asemblea de FSC Internacional celebrada no ano pasado en África do Sur, Verdegaia sumouse a unha carta aberta aos membros de FSC, promovida a nivel internacional, na que se instaba "a resolver coa maior urxencia o grave problema da certificación de monocultivos de árbores".

É previsible que NORFOR tente obter un novo certificado FSC, pois empresas do norte de Europa que compran a súa pasta de papel demandan que teña o selo FSC. Outra empresa de ENCE dedicada á xestión de montes , SILVASUR, que actúa no sur de España, tamén perdeu o certificado.

ENCE está a tentar debilitar os estándares españois de certificación FSC para facilitar que as plantacións que xestiona sexan novamente certificadas. ENCE quéixase de que os estándares FSC vixentes en España son máis estritos que os aplicados noutros Estados onde tamén se cultiva o eucalipto, como Portugal, Uruguai ou Brasil Na última revisión dos estándares xa se introduciron algunhas mudanzas negativas, o que fixo que algúns comentarios críticos de Verdegaia decaesen, ao se basearen na versión dos estándares de 2006. Un deles afectaba a un aspecto moi importante, como é o tratamento dos restos de tala (en particular das códeas dos eucaliptos), que ENCE destina á produción de enerxía en lugar de os deixar no monte previa trituración, práctica que favorece o empobrecemento en nutrientes dos solos.