cadeahumana.jpg

Chamamos a tod@s a que vos sumedes a esta cadea humana que bordeará o perímetro da depuradora do Lagares como método de luita e denuncia, necesaria, ante a sociedade xa que :

A situación de contaminación da ría de Vigo é dramática. A inexistencia dunha depuración eficaz está pondo en grave perigo o noso ecosistema máis importante: A Ría, cada día máis contaminada polos vertidos de augas residuais urbanas e refugallos industriais.
Dende a Administración non se da importancia e seriedade, a un problema de contaminación tan grave como este, que é sanitario, ambiental e social xa que afecta á saúde das persoas que consumen produtos extraidos da ría ou que se bañan nas súas praias, prexudica a todos os seres vivos que viven nas súas augas e pon en perigo miles de postos de traballo da xente que directa ou indirectamente vive da pesca de baixura ou do marisqueo.

Non queda tempo para máis desfeitas, hai que buscar solucións inmediatas enfocando o saneamento dun xeito serio e responsábel.

É prioritario realizar un estudo do saneamento-integral da Ría, involucrando a todos os concellos que verten nela, xa que non é un problema local, afecta a tod@s. Hai que desenvolver plans coordinados e descentralizados para toda a poboación asentada nos distintos núcleos da ría e primar os criterios técnicos, biolóxicos e ambientais por riba de intereses económicos especulativos, intereses políticos partidistas ou lucro económico de funcionarios e políticos corruptos.

A solución proposta polas Administracións é exclusiva para Vigo e consiste nun aberrante proxecto faraónico: a construción dunha "MACRODEPURADORA" no mesmo emprazamento que a actual, que non só NON sería efectiva senón que amplificaría a
problemática actual. Xa que non se contempla separar as augas residuais urbanas das augas das industrias que inutilizan o sistema de depuración, e das augas pluviais que colapsan os tanques.

As depuradoras están pensadas para depurar materia orgánica, os produtos químicos e disolventes das industrias as paralizan e inutilizan totalmente.

Esta Macro-EDAR no Lagares completaría a destrución irreversible da Xunqueira e dos seus valores naturais como zona humida, ocuparía ilegalmente territorio dentro do dominio público marítimo- terrestre e terían que expropiar as casas e terreos a varias familias da contorna, ademais de seguir estragando a saúde e a calidade de vida da veciñanza.

De levarse a cabo este proxecto de macrodepuradora sería tirar cos cartos públicos nun proxecto inútil, e o desastre medio ambiental e económico para a nosa terra e o mar sería irreversible.

CADEA HUMANA:
SANEAMENTO EFICAZ SI, MACRODEPURADORA NON!!!
SÁBADO DÍA 17 ÁS 19:00h
(diante da depuradora de Coruxo)