Está enfocada á detección de puntos negros de atropelos de fauna salvaxe. Logo definitivo con fondo blanco

 Co gallo da celebración do Día Mundial do Ambiente, Verdegaia vén de pór en marcha unha nova iniciativa de participación social, a campaña “Atropelos, non grazas!”, de cara a contribuír á defensa do ambiente e ó avance na transformación social coa colaboración da cidadanía, desta volta para atallar o impacto que xeran os atropelos de fauna nas poboacións de animais salvaxes e para mellorar a seguridade vial nas estradas galegas.

Deste xeito, os obxectivos que persegue esta campaña son: 1º) Concienciar a cidadanía sobre o problema que supoñen os atropelos para as poboacións de animais salvaxes e para a propia seguridade vial das persoas. 2º) Localizar puntos negros de atropelos de fauna salvaxe nas estradas da xeografía galega. 3º) Solicitarlles ás administracións que teñan a titularidade das estradas onde se sitúan os distintos puntos negros localizados que tomen medidas para evitar máis atropelos de fauna salvaxe neses lugares. 4º) Localizar puntos negros de atropelos de fauna doméstica nas estradas da xeografía galega e propor medidas de xestión e concienciación para evitar máis atropelos neses lugares. 5º) Fomentar a participación da cidadanía na trasnformación social e na búsqueda de solucións ós problemas ambientais e sociais.

Verdegaia considera que os atropelos de fauna salvaxe ocasionan unha elevada mortalidade de individuos nas poboacións destes animais próximas ás estradas. Ademais, as estradas xeran a perda, fragmentación e degradación de hábitats e poboacións de animais salvaxes mediante o seu efecto barreira, a contaminación (lumínica, sonora e química), a dispersión lonxitudinal de especies invasoras, a xeración de efectos de borde,…

O método que hai que seguir para colaborar con Verdegaia nesta campaña é moi doado e consiste en: 1º) Recoller os datos dos animais salvaxes e domésticos atropelados nas estradas galegas que se solicitan na “Ficha de recollida de datos de Atropelos, non grazas!” que se poderá atopar na páxina de Verdegaia (www.verdegaia.org), sempre coa máxima precaución posible e respectando en todo momento as normas de circulación e seguridade vial. 2º) Enviar a “Ficha de recollida de datos de Atropelos, non grazas!” e, a poder ser, unha fotografía do animal a atropelosnongrazas@verdegaia.org