Medre o mar!Sou humano, sou barco, sou tantas cousas (…)

(…) e alí estou coa proa,

as amuras, a popa, a barriga, o eixe…

Eu sou mariñeiro, e o mar móllame a alma,

salinízame e golpéame o corazón. (…)

Xosé Iglesias, de Transfusión oceánica.

De Verdegaia queremos manifestar o noso apoio á veciñanza e colectivos que están a deter as obras de instalación dun barco nunha rotonda do barrio vigués de Coia. Dúas son as razóns argumentadas para tomar esta acción: o seu custe económico e o maltrato a un ben cultural como é un barco de altura con 70 anos de antigüidade, o Bernardo Alfageme, testemuño único da vida mariñeira do seu tempo.

Quizais non sexa este senón un exemplo máis dunha lóxica política desprezábel e non o máis grave, pero si pode ser un bo símbolo de como funcionan as cousas. Dicimos que non o máis grave porque sen saírmos de Vigo sobran os exemplos de cartos públicos desbaldidos en obras cando menos cuestionables, quer pola súa utilidade, quer pola súa urxencia e pertinencia nun contexto de precariedade e aumento da pobreza como o actual. Eis o Auditorio Mar de Vigo ou os quilómetros de beirarrúas de luxo que posúe esta cidade. Faremos a continuación algunhas consideracións puntuais sobre esta cuestión para fixarmos a nosa postura.

1- Ningunha persoa con cargos públicos debería actuar sen ter en conta a opinión das persoas para as que exerce a súa función. Xa está ben dunha democracia de baixa calidade na que ningún goberno consulta á cidadanía sobre que, como, e para que facer as cousas. Xa está ben de políticos que pensan que o feito de seren elixidos nun día de votacións equivale a catro anos de carta branca para calquera idea que se lles veña ao maxín.

2- Toda obra pública debe estar ben xustificada e contemplar a hipótese 0, é dicir, cuestionarse se non sería mellor por razóns económicas, ambientais ou doutra índole, non seren realizada. Pensamos que o caso do que estamos a falar debe rematar nesa hipótese 0.

3- A Organización Internacional do Traballo ven sinalando repetidamente ao Estado español como un dos do mundo no que máis aumentou a desigualdade, de feito está o primeiro nesta triste listaxe entre os anos 2006-2010. Vigo non é allea a esta situación. Os gobernos español e galego non están a actuar fronte ao que isto significa, pois non teñen a xustiza social entre os seus obxectivos. O goberno municipal de Vigo tampouco semella asumir esta realidade, como teñen denunciado en repetidas ocasións colectivos como a Oficina de Dereitos Sociais de Coia ou o Imán. O desleixo na acción social do Concello ten provocado as protestas do propio persoal dos servizos sociais, fartas da falta de recursos materiais e humanos. Non estamos como para mover barcos en terra!

4- A cultura non é facer edificios como o infausto mega-galpón cultural do monte Gaiás. Iso ten máis a ver con outra cultura, a da corrupción, ilegal ou legal, que desta última non se está a falar o que se debería. Corrupción dun sistema que é quen de chantar un barco nunha rotonda e construír edificios baleiros de contido (museos, auditorios, cidades…) namentres esquece a cultura viva e o patrimonio inmaterial da nosa memoria colectiva. Quen visitará nesta rotonda o Bernardo Alfageme, as nenas e nenos dos colexios? Que goberno comprenderá dunha vez que a fábrica de Massó en Cangas ou a panificadora de Vigo son parte do noso patrimonio industrial? Quen entenderá que é mellor coidar o que temos que seguir a facer obras absurdas e que museos como o Liste ou o MARCO viven na constante asfixia económica? Quen porá no seu lugar a memoria do traballo e do mar, que é a memoria desta cidade, conservada nas súas xentes. Esa é a memoria de mariñeiros como Pepe Casal, pintor da imaxe que acompaña esta nota, que asinaba os seus cadros como Ksal. Mariñeiros do barrio de Coia, de Bouzas, que están por rescatar para a facermos a nosa historia. E quen fai esa nosa historia? Facémola nós e esa non se chanta en rotondas. Como dirían Xurxo Souto1 ou Xosé Iglesias, contador e poeta mariñeiro respectivamente, medre o mar! Medre e lévese a esta tropa de gobernantes-rotonda.

_________

1É no seu libro Contos do mar de Irlanda no que se recolle o testemuño da vida de Pepe Casal, mariñeiro, pintor e moitas cousas máis, do barrio de Coia.